Tui despide o 2024 con música e deporte

Coa Banda de Música, as corais tudenses e a Orquestra Kubo

Tui | A programación de Nadal continúa a encher de maxia Tui con diferentes propostas nos próximos días.
O Teatro Municipal de Tui acollerá hoxe venres e mañá sábado os concertos de Nadal da Banda de Música Popular de Tui e das tres corais tudenses, Centro Sociocomuntiario, Ponte das Febres e San Telmo, respectivamente. As entradas para estes eventos musicais están á venda en tui.gal. Amais hoxe venres ás 16.30 h na Residencia Paz e Ben actuará a Coral San Telmo.

Para dar a benvida ao 2025 a orquestra Kubo actuará á unha madrugada do mércores 1 de xaneiro no Espazo Feira na Avenida da Concordia. No recinto, cuberto con carpa, a orquestra ofrecerá un espectáculo musical e festivo para comezar o ano.

Por outra parte onte á tarde comezou a terceira e derradeira quenda do Mercado do Nadal con vinte postos que enchen de creatividade, artesanía, produtos de Nadal, e gastronomía o céntrico Paseo da Corredoira. O seu horario mañá venres e o domingo será 12 a 14 h e de 17 a 21 h, mentres que o sábado o seu horario prolongarase até ás 22 h.

A maxia continúa tamén no edificio da praza da Inmaculada co Taller Máxico de Papa Noel que abre de 11 a 14 h e de 17 a 20 h. Amais este sábado 28 de decembro e o venres 2 e sábado 3 contará coa presenza dos paxes reais.

O deporte tamén está presente nesta programación coa III San Silvestre Tudense Solidaria que se celebrará o martes, 31 de decembro, dende ás 10.30 h cun percorrido urbano de catro quilómetros que poderá realizar correndo, andando ou en marcha nórdica. A proba bate récord de participación xa que a tres días de que peche a inscrición están xa anotadas 1200 persoas. Na páxina web do club Atletismo Tui pódese cubrir o formulario de inscrición até ás 22 h deste domingo, 29 de decembro. A proba é solidaria coa Asociación Española contra co Cancro.
Aparcamento gratuíto no IES San Paio até o 5 de xaneiro

Até o 5 de xaneiro pódese aparcar no recinto do IES San Paio de forma gratuíta en horario de 10 a 22 h. Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración do IES San Paio que posibilita que durante estas festas se habilite este zona de aparcamento en pleno centro urbano.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.