Tui | O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, mantivo un encontro co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para analizar as dúas actuacións de futuro prioritarias nas infraestruturas viarias da Deputación de Pontevedra ao seu paso polo concello de Tui.
Con elas, a institución provincial seguirá impulsando o seu modelo de mobilidade segura, amable e sostible para continuar a mellorar as condicións de seguridade das vías de Tui, dotándoas de itinerarios peonís seguros e tamén poñendo en valor as zonas nas que se atopan importantes elementos patrimoniais da vila.
En primeiro lugar, abordouse a necesidade de continuar a actuar na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, onde agora se proxecta a construción dunha rotonda que permitirá acceder con seguridade ás empresas do Polígono Industrial de Ribadelouro situadas á altura do PK 1+200 en ambas marxes da estrada.
Pola outra banda, o deputado e o alcalde de Tui analizaron a necesidade de actuar na EP-3003 Areas-Pexegueiro, concretamente no tramo que une a Casa Cultural coa Igrexa de San Miguel de Pexegueiro –entre os puntos 2+700 e 3+365, coincidente co final desta estrada– onde se formula a dotación dunha senda peonil para o tránsito seguro a pé e, ademais, a humanización da contorna da Igrexa.
Trátanse de obras moi necesarias para o municipio polo que a Deputación se comprometeu a elaborar a documentación necesaria para delimitar os terreos afectados e a encargar de forma inmediata a redacción dos proxectos.
A Deputación e o concello de Tui continúan deste xeito a liña marcada nos últimos anos para transformar por completo as estradas provinciais ao paso por Tui, concretamente a EP-2502 en Ribadelouro, onde se investiron 470.000 € para crear unha zona con preferencia peonil á altura do centro deste núcleo (a 750 metros de distancia da actuación proxectada), e a EP-3001 onde se solucionaron os problemas de seguridade viaria derivados dunha curva estreita e sen itinerarios peonís á altura de Rebordáns, cun orzamento de 360.000 euros.