Tui | O acordo de irmandade entre Tui e a cidade alemá de Versmold goza de moi boa saúde tanto a nivel social coma institucional. Así quedou reflectido na viaxe que a pasada fin de semana realizaron a Alemaña o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e na que tamén participaron representantes do Tyde e veciñanza tudense. Devolveron así a visita que en abril, coincidindo coas festas de San Telmo realizou unha delegación de Versmold a Tui encabezada polo burgomestre Michael Meyer-Hermann.
Hai dez anos que as dúas cidade asinaron o acordo de irmandade plasmando nun documento a relación existente entre ambos municipios dende hai décadas debido á emigración de poboación tudense, principalmente das parroquias de Paramos e Baldráns, a esta cidade xermana que conta cunha importante industria cárnica. Ese acordo de irmandade propiciou tender novos lazos entre Tui e Versmold, por exemplo no eido cultura ou deportivo, que se traduce na participación do Tyde anualmente nun encontro internacional que se celebra nesa cidade alemá. E no eido social cómpre destacar a creación da Asociación Tui-Versmold. Estúdanse agora novas vías de relación unha delas vinculada ao Camiño de Santiago, tendo en conta que preto de Versmold pasa a ruta xacobea entre Osnabruck e Aachen.
Na visita a Alemaña, a delegación tudense encabezada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, visitou o Parlamento estatal de Renanian do Norte -Westfalia, sendo recibidos polo seu presidente, André Kuper, e onde o rexedor tudense asinou no libro de visitas. Celebrouse amais un acto conmemorativo do décimo aniversario deste acordo de irmandade na Sala Schützenhalle, en Versmold.
Enrique Cabaleiro sinalou tras a visita que “o balance é moi positivo” engadindo que “agora hai que seguir traballando de cara ao futuro para que esta irmandade teña sinais identitarias propias”.