Tui | A aposta polas sendas fluviais, os proxectos de humanización executados e os que comezarán en breve, xunto ao traballo realizado para mellorar o entorno urbano e rural foron algúns dos aspectos transmitidos dende o Concello de Tui aos dous membros do xurado de Vilas en Flor que este 16 de outubro visitaron o municipio.
O concelleiro de Espazos Naturais e Áreas de Lecer, Miguel Méndez, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, xunto ao técnico municipal Rafael Sánchez Bargiela, acompañaron a Carlos Cárcamo Álvarez, enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense, e Salvador Rouco Granxa, enxeñeiro agrónomo e profesor xubilado de xardinería no CIFP A Granxa, de Ponteareas, que foron os expertos de Vilas en Flor que durante máis de 2 horas visitaron distintas zonas de Tui.
Pese ao día de choiva percorreron a senda fluvial a carón do Miño dende a Mariña, coñecendo de primeira man a nova pasarela peonil sobre a desembocadura do río Louro. Tamén se achegaron até a senda do río Furnia, actualmente en fase final de execución polo Obradoiro de Emprego, onde as augas cristalinas e o entorno natural e patrimonial chamaron a atención do xurado.
Amais percorreron o barrio de Riomuíños onde a intervención realizada mantivo a esencia do barrio e puxo en valor os seus recunchos cunha iluminación que resalta os distintos elemento. Tamén estiveron na rúa Antero Rubín que co humanización pasou a contar con algo máis de 1.300 metros de superficie peonil, cunha calzada en materiais tradicionais, zonas verdes e de descanso, con prioridade peonil. Outros puntos visitados polo xurado foron as rúas Lugo e Colón, humanizadas recentemente e nas que se gañou espazo para os peóns e zonas verdes.
O xurado de Vilas en Flor estivo tamén na ponte da Veiga do Louro, un tramo en pleno Camiño de Santiago, onde destaca todo o entorno natural, así coma a senda peonil que une esta zona coa praia de Areeiros.
O Concello de Tui forma parte de Vilas en Flor dende o ano 2020, contando na actualidade con dúas Flores de Honra. Coas Flores de Honra recoñécese a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR, Asociación de Viveiristas do Noroeste, AGAEXAR, Asociación de empresas de xardinaría de Galicia, e da Fundación Juana de Vega.
Os tres aspectos contemplados nas bases que valoran os expertos son: o patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; e o uso social e as sinerxías coa actividade turística.
A entrega dos galardóns Vilas en Flor 2023 terá lugar nun acto público a finais do outono.