Tui | Este mércores 3 de xaneiro, o Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acolleu o acto de entrega dos premios do concurso de debuxo escolar destinado a escoller a Postal de Nadal do Concello de Tui.
Trátase da cuarta edición deste certame que contou con postais enviadas por alumnos e alumnas dos seguintes centros escolares tudenses: CEIP’S de Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, Guillarei e Rebordáns así como o Colexio Santa María – Maristas de Tui.
A postal presentada por Naiara Pérez Rodriguez de 1º curso de Educación Primaria do CEIP de Caldelas, acadou o primeiro premio, mentres que o segundo premio foi para a postal presentada por Mía Durán do Colexio Santa María – Maristas e o terceiro á tarxeta de Noa Patricio Álvarez do CEIP de Pazos de Reis. Os premios, que consisten en lotes de material escolar e de lectura, foron entregados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla.
A responsable da Concellería de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que a finalidade deste certame escolar que por cuarto ano convoca o Concello de Tui é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal, procurando que os nenos e nenas do noso municipio, expresasen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso Concello.