Tui estivo presente no XII Foro Infantil UNICEF no Parlamento de Galicia

Coa representación de sete alumnos do Consello Local de Participación Infantil e Adolescente

Tui | Sete membros do Consello Local de Participación Infantil e Adolescente de Tui participaron no XII Foro Infantil UNICEF, celebrado no Parlamento de Galicia. No acto, que forma parte do Pacto Galego pola Infancia, estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente.

Eva Alén Viñas, como voceira tudense, interveu xunto a representantes de O Rosal e Nigrán para expoñer cuestións sobre a relación entre os concellos e a infancia. Completaron o grupo tudense Adela Hernández Varela, Elisa Martínez Villaverde, Antón Martínez Villaverde, Xiana Martínez Villaverde, Iria Vázquez González e Sara Miranda Barros.

Participaron tamén no foro amais do grupo tudense representantes dos Consellos Locais de Participación infantil e adolescente de Tomiño, O Rosal, Burela, Laracha, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Teo e Viveiro.

Dende o Concello de Tui valórase especialmente o papel deste grupo local, que reflicte o compromiso coa participación infantil e adolescente como eixo fundamental das políticas municipais. A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, salienta a importante achega que realizan os nenos, nenas e adolescentes e agradece o traballo que realiza o Consello Local tudense, así coma a súa participación no foro celebrado esta semana en representación da poboación tudense máis nova.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.