Tui | O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que nove concellos de Galicia servirán de exemplo para o resto de España na implementación da Axenda Urbana sostible. Estes municipios forman parte das 121 propostas admitidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que recibirán unha subvención para a elaboración de proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española.
En concreto, o Ministerio concedeu estas axudas aos concellos galegos de Paradela, Tui, As Pontes, Lalín, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña e Vigo. O importe total das axudas ascende a 1.500.000 euros e o reparto por concello realízase por tramos de poboación, entre os 50.000 euros a Paradela (menos de 5.000 habitantes) ata os 250.000 euros a A Coruña e Vigo (máis de 250.000 habitantes).
José Miñones detallou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana lanzou esta convocatoria de axudas o pasado mes de setembro e que recibiu un total de 233 solicitudes a nivel nacional, das que seleccionou 121, repartidas en grupos de municipios segundo a poboación.
“Os concellos seleccionados deberán presentar estos proxectos piloto antes de setembro de 2022”
Os concellos seleccionados deberán presentar estos proxectos piloto antes de setembro de 2022 e estes documentos servirán de modelo e guía para que outras entidades locais poidan elaborar os seus propios plans de axenda urbana con certezas e eficacia.
Este Programa de axudas forma parte do Compoñente 2 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, denominado “Implementación da Axenda Urbana Española: Plan de rehabilitación e rexeneración urbana”, que é un dos tres compoñentes que lidera o Ministerio de Transportes.
Axenda Urbana Española
A Axenda Urbana Española concíbese como un documento estratéxico, sen carácter normativo, que trata de abanderar unha nova visión do urbanismo, que vai máis aló da tradicional execución de infraestruturas e aborda unha visión estratéxica, sostible e humanizada dos entornos urbanos.
A Axenda Urbana marca un antes e un despois nas políticas relacionadas coas cidades e as vilas, ao traballar nas áreas urbanas de todos os tamaños, de maneira transversal e integrada, con visión estratéxica e a través dun modelo de gobernanza que garante unha ampla participación.
As cidades e vilas teñen un papel fundamental na transformación económica e social do país, na garantía da cohesión territorial, na loita contra o despoboamento e na protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. A implementación da Axenda Urbana Española resulta clave para lograr a necesaria transición verde, dixital e cohesionada socialmente que reclaman as Axendas internacionais e o propio Plan de Recuperación.