Tui | O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui en Guillarei está acollendo un curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais cun total de 248 horas lectivas. Esta acción formativa está financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
O curso, no que participan 15 persoas, consta dos módulos de “Tratamento de chans, paredes e teitos”, “Limpeza de mobiliario”, “Limpeza de cristais” e “Limpeza con maquinaria”. Amais o alumnado realiza 80 horas de prácticas non laborais nas empresas Ascan Servicios Urbanos, LHYP Grupo, Limpiezas Faro e Starnaliza. Ao remate desta actividade formativa recibirán o correspondente certificado de profesionalidade.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación do Emprego, Ana Núñez, visitaron ao alumnado nas instalacións do Centro Municipal en Guillarei, compartindo con eles os seus intereses e inquedanzas laborais.
Tanto o rexedor coma a concelleira salientaron a importancia desta formación especializada para a inserción do alumnado participante nun sector que conta con gran demanda de man de obra cualificada. Ao tempo quixeron amosar o seu agradecemento ás empresas que están a colaborar co Concello de Tui recibindo as persoas do curso en práctica.