Tui habilita formulario na web para canalizar a axuda local á poboación ucraína

Para ofrecer aloxamento, servizos educativos e aprovisionamento

Tui | Esta xa habilitado na web municipal un formulario para que a veciñanza poida ofrecer a súa axuda á poboación ucraína.

Deste xeito búscase coñecer os recursos, tanto materiais coma humanos, cos que se pode contar en Tui para axudar á poboación ucraína desprazada ao municipio.

Así por unha banda a cidadanía pode ofrecer vivenda, gratuíta ou en aluguer, pero tamén o seu tempo realizando labores de tradución, axudando en clases de castelán, levando a cabo reforzo educativo, acompañamento, clasificación e organización de material, … indicando a súa dispoñibilidade horaria.

Tamén se pode ofrecer axuda material en forma de roupa, enxoval, libros, material escolar, produtos de hixiene,… e no caso das empresas poden tamén ofrecer emprego.

Estes recursos, que serán rexistrados, irán activándose a medida que sexan necesarios tanto a curto, coma a medio e longo prazo.

O formulario pódese cubrir en liña na propia web, ou descargar en envialo ao correo axudaucraina@tui.gal ou tamén presentalo presencialmente no Centro Sociocomunitario, no Centro Municipal de Formación e Emprego, ou nos Servizos Sociais Comunitarios Municipais. Este documento tamén se pode recoller impreso nestes tres puntos.

Dende o Concello de Tui agradécese á cidadanía a colaboración e axuda nesta crise humanitaria, e faise fincapé na importancia de poder canalizar toda a esta axuda do xeito máis efectivo.

Este venres volverase reunir no Concello de Tui a mesa de traballo creada para axudar á poboación ucraína.