Tui | Todo preparado en Tui para dar a benvida ao mes de decembro marcado pola celebración das festas de Nadal. Nas distintas rúas ultímanse os detalles para pór todo a punto para mañá inaugurar tanto a decoración de rúa coma a iluminación que encherá de cor, ilusión e maxia o centro urbano durante o Nadal.
Mañá ás 17 h terá lugar a inauguración do Mercado de Nadal cos quince primeiros expositores nas casetas de madeira no Paseo da Corredoira que achegarán produtos vinculados ao Nadal dende decoración, agasallos, ou gastronomía.
Tui acenderá mañá o seu alumeado de Nadal que encherá de luz as distintas rúas e prazas. O acto simbólico de acendido da iluminación será ás 18.30 h na praza da Inmaculada, ou se chove na carpa na Corredoira.
Non faltará nesta primeira xornada da programación a animación. Así ás 17 h Barafunda Animación presentará na carpa situada na zona peonil do Paseo da Corredoira o seu espectáculo “Abordaxe Pirata”. No mesmo lugar ás 19 h actuará o grupo de pandereteiras Arranxestas de Ribadelouro. Xa o sábado, 2 de decembro, a partir das 19 h realizará un pasarrúas a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.
A partir de mañá tamén se poderá visitar nas rúas e prazas a decoración sostible con elementos coma árbores, un poboado nevado, ou a frecha amarela que marca esta programación de Nadal.
A cidade vivirá así a programación “Tui, o Camiño do Nadal” con un amplo programa que se prolongará até o venres 5 de xaneiro.
O Mercado de Nadal enchera de espírito festivo o Paseo da Corredoira durante un mes
A inauguración será este venres, 1 de decembro, ás 17 h cos quince primeiros expositores.
Un ano máis, a maxia da temporada do Nadal estará presente no céntrico Paseo da Corredoira de Tui coa celebración do Mercado de Nadal. Dende mañá venres, 1 de decembro, e até o venres, 5 de xaneiro, este evento encherá de cor, alegría e espírito do Nadal este espazo, contribuíndo amais á dinamización comercial e turística da cidade.
Con quince postos rotativos en casetas de madeira, coidadosamente decoradas, as persoas visitantes terán a oportunidade de mergullarse nun mundo de decoración, agasallos especiais, delicias gastronómicas e moito máis. Este mercado contará con tres quendas, cada unha coa súa propia selección de expositores e produtos, brindando experiencias únicas.
Nesta primeira quenda participara Entre Telas de Tui con gorros de Elfo e Papá Noel, arbores de tea, mandís navideños, bolsas de tea, mochilas, peluches… Todo tipo de produtos en madeira dende chaveiros, bolas de Nadal, a portas do ratiño Pérez exporá no seu posto Feito de Pau Carpintería. Arte Terra achégase ao mercado con produtos de bixutería, xoeiría, ilustración, pintura e papiroflexia. D’Charo presentará na Corredoira produtos artesáns elaborados a gancho, bolas de Nadal artesás, e doces diversos.
Na caseta de Isa e Loles Artesanía poderemos atopar diademas, pinzas, coleteiros, toallas… Apicultura Niño do Corvo presentará mel, pero tamén outros produtos coma velas elaboradas con cera de abella, produtos cosméticos ou caramelos. Deseños únicos de prendas artesanais sostibles e xoeiría será a proposta que que achegue ao Mercado Lace Copperwood, mentres que Mestura de Kores ofrecerá artigos de decoración, saquiños de sementes, calcetíns monecas, Papá Noel, árbores ou nomos.
Dende Galicuero Light Wood achegarán produtos de coiro e madeira e hamabeats. Será tamén obrigada a visita a caseta do Club Patinaxe Artística Ribex con flores de Pascua, gofres, crepes e doces de Nadal, e á do CEIP nº1 de Tui con adornos de Nadal confeccionados polo alumnado do centro.
No Mercado de Nadal poderase gozar do café do Pancho 3.0 by Adri Vila xunto con chocolate, tostas e doces. Filloas Apedradaeaugas elaborará filloas artesanais sobre pedras de granito e a Asociación Cultural Cristo da Agonía ofertará doces caseiros sen glute e tamén sen azucre, específicos para celíacos e diabéticos. A proposta gastronómica complétase coa Churrería Chocolatería Patry e a foodtruck Ruta82 onde cociñarán hamburguesas e servirán tamén bebidas.
Esta primeira quenda do Mercado de Nadal de Tui celebrarase dende mañá venres 1 até o 12 de decembro. A segunda quenda será do 13 ao 24 de decembro, e a terceira do 26 de decembro ao 5 de xaneiro. O horario de apertura será de luns a xoves, de 17:00 a 21:00 horas; os venres, de 17:00 a 23:00 horas; os sábados, festivos e vésperas de festivos, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 23:00 horas; e os domingos, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Cómpre destacar que permanecerá pechado o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.
O mercado contará tamén con obradoiros e animación musical. Así dende este sábado 2 até o sábado 30 a música en vivo será parte esencial desta experiencia do Nadal coa presenza de grupos coma RMS, Dani Pazos e Xía Sar, Leira Rock, BlackLabel Dúo ou La Timba Mullallo. Mentres nos obradoiros serán de personalización de bolas de Nadal, de elaboración dun centro de mesa de Nadal, de coidados de mobles ou de consellos para facer pequenos arranxos e restauración.
O Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira promete ser un espazo de ledicia, encontro e a celebración que nos mergullará na maxia destas festas.