Tui | O Concello de Tui continua coa súa aposta polo mantemento e mellora das instalacións deportivas do municipio. Onte á tarde tivo lugar a inauguración dos novos vestiarios do CEIP de Guillarei, dos que poden gozar xa tanto o alumnado do propio centro educativo coma os e as deportistas do Club Balonmán Tui, CPA Ribex, Club Bádminton Tui, Club Tenis Tui, A Quinta de Tui FS e A Gándara F.S. que adestran nestas instalacións.
No acto inaugural estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, xunto a outros membros da corporación municipal, o equipo directivo do CEIP de Guillarei, e representantes dos clubs deportivos que realizan os seus adestramentos neste pavillón.
Os novos vestiarios executáronse de forma lonxitudinal na fachada sur de forma adosada ao edificio contando con aseos, duchas con luz natural, e vestiarios adaptados. A actuación supuxo un investimento de 125 mil euros de fondos propios.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou onte á tarde na súa intervención que este era “un día de satisfacción” porque esta era “unha obra necesaria” engadindo que “isto é froito do traballo de todos”.
Salientou o rexedor a importancia destes novos vestiarios que dignifican este equipamento, e que se suman, dicía, “a outra obra importante coma foi o novo comedor do CEIP de Guillarei” inaugurado a comezos de curso. Con este novo comedor escolar, lembrou Enrique Cabaleiro, completouse unha serie de equipamentos nos centros educativos de xeito que todos os centros públicos de Primaria contan con comedor escolar. Obras que “foron financiadas integramente con fondos municipais” sinalou o rexedor do mesmo xeito que esta actuación no pavillón.
Aproveitou amais Enrique Cabaleiro para lembrar os investimentos realizados para remodelar o pavillón Gustavo Rodríguez, o pavillón vello, así como as realizadas en Caldelas e Rebordáns. Ao tempo avanzou que en breve sairá a licitación a remodelación do pavillón de Randufe, tras a aprobación dunha achega por parte da Deputación de Pontevedra, e tamén dunha obra importante no Campo Fútbol do Tyde.
Enrique Cabaleiro salientou o traballo realizado para que os equipamentos deportivos estean nas melloras condicións posibles, porque dicía “non é o mesmo educar e adestrar nuns equipamentos que presentan precariedades a facelo nunhas dependencias cunhas condicións dignas”.
Nese senso aproveitou para agradecer ao conxunto dos grupos políticos municipais, que no mandato pasado, consensuaron unha serie de investimentos que foron apoiados polo conxunto da corporación “esa debe ser a folla de ruta a seguir, buscar consensos para traballar polo benestar do conxunto dos nosos veciños e veciñas”, concluía.