Tui, incluído no novo portal turístico da Red de Juderías de España

Na web poden consultarse os seis roteiros distribuídos por áreas xeográficas

Tui | A promoción turística de Tui como membro da Red de Juderías de España, asociación na que se integrou en 2019, da un paso importante coa posta en marcha por parte da Red do novo portal turístico Caminos de Sefarad. Esta web céntrase na promoción turística do patrimonio xudeu que conservan as cidades pertencentes a este colectivo. Mentres redjuderias.org mantén a súa actividade centrándose na información da actividade da propia Red.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana María Núñez Álvarez, salienta que esta nova web “Caminos de Sefarad” resulta de gran interese pois “ofrece os recursos precisos para que os interesados en coñecer a nosa cidade e o seu patrimonio ligado á presenza xudía se acheguen ata Tui como primeira etapa do roteiro que comprende as xudarías galegas – Tui, Ribadavia e Monforte de Lemos – xunto coa cidade de León.

A nova web, dispoñible en tres idiomas, español, portugués e inglés, ademais de destacar e dar protagonismo aos aspectos turísticos e patrimoniais da herdanza sefardí de cada unha das cidades da Red de Juderías, ten como obxectivo descubrilas a través de roteiros turísticos que conectan os 21 destinos.

Así articuláronse seis grandes roteiros distribuídos por áreas xeográficas. Nunha primeira ruta é posible descubrir as Xuderías galegas, de Monforte de Lemos, Ribadavia, e Tui, e a de León. A ruta das Xuderías do Alto Ebro percorre as cidades de Tudela, Calahorra, Estella-Lizarra e Tarazona. A viaxe polas Xuderías Mediterráneas visita Barcelona, Sagunto e Lorca. Mentres as Xuderías Andaluzas percorre Lucena, Córdoba e Xaén, as Xuderías de Castela articúlanse en torno ao legado de Toledo, Segovia, Ávila, ademais da salmantina Béjar; e o último roteiro polas Xuderías estremeñas levará ao turista a coñecer Cáceres, Plasencia e Hervás.

Cada etapa dos roteiros está vinculada a unha das cidades da Red, e en cada unha delas, ademais de material audiovisual promocional, pode descargarse gratuitamente a guía turística deseñada especificamente para descubrir a súa herdanza xudía, e acceder a unha base de datos de provedores de servizos da cidade.

O portal é un lugar onde o visitante pode contactar directamente cos provedores membros de RASGO, o selo turístico da Red, que facilitan servizos e experiencias turísticas asociadas aos roteiros. Así, restaurantes, aloxamentos e establecementos con oferta cultural e comercial poden ofrecer directamente a través desta plataforma o seu produto ao cliente final.

A través da web, tense acceso a aqueles provedores que ofertan experiencias destacadas e que foron deseñadas especificamente para promocionar e difundir o legado xudeu da cidade. Igualmente, terase acceso a unha serie de axencias de viaxe expertas en programar circuítos ou deseñar viaxes a medida polos Camiños de Sefarad.

Antes da viaxe
Co obxectivo de que a experiencia de descubrir as cidades da Red de Juderías se converta nunha experiencia total, a nova web propón unha serie de pasos a realizar antes da viaxe para coñecer a historia da cultura xudía a través da realización de cursos específicos, así como acceder, antes de emprender o roteiro, ao kit básico de Descubridor de Sefarad para poder selar o pasaporte en cada etapa, ou poder adquirir directamente as guías turísticas impresas e demais publicacións da Red de Juderías de España, que poñen en valor o seu patrimonio material e inmaterial.

Como novidade, para regresar cun recordo de Sefarad da viaxe, deseñouse un azulexo coa famosa marca da Rede de Xuderías que sinaliza nas cidades elementos patrimoniais vinculados á herdanza xudía, e que pode adquirirse directamente na web.

Memorias, testemuño dun legado común
Camiños de Sefarad propón formar parte aos visitantes de Regreso a Sefarad, un libro dixital de recordos que se construirá coas testemuñas e as imaxes do seu paso polas cidades da Red de Juderías, e poñerá en valor como o esforzo de recuperar o legado xudeu en España ten sentido para que poida ser visitado. Todo o contido turístico da Rede de Xuderías de España está dispoñible en español en caminosdesefarad.com, en inglés en sephardicroutes.com e en portugués en caminhosdesefarad.com.