Tui | As forzas de seguridade investigan os incendios rexistrados esta pasada madrugada do 20 de marzo no conxunto histórico. En 5 focos na rúa Tyde, Paseo da Corredoira, rúa Ordóñez, praza da Armada, e O Piñeiro resultaron calcinados 21 coches, e sufriron danos outros vehículos e algunha fachada.
En horas da tarde deste 20 de marzo foi identificada pola cámara de seguridade unha muller de 51 anos, coberta a cabeza cun pasamontañas. Trala súa detención polas forzas de seguridade recoñeceu a súa autoría do incendio dos coches, pasando a disposición xudicial no xulgado de Tui acusada dun delito de danos continuados.
Ata Tui desprazouse Maica Larriba Garcia, subdelegada de goberno, quen condenou estes feitos e amosou a súa solidariedade coas persoas afectadas e o co Concello de Tui. Pola súa banda, o presidente da Cámara do Municipio De Valença, José Carpinteira, xunto a membros do goberno valenciano, achegouse até a casa do Concello para amosar o seu apoio, ante os graves feitos desta madrugada. O alcalde, Enrique Cabaleiro amosaba o seu total apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado na súa investigación. Trasladaba amais unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e ás persoas afectadas.
Este 20 de marzo foi convocada ás 20 h unha reunión, no salón de plenos da casa do Concello, con aquelas persoas cuxos vehículos ou inmobles se viron afectados polos incendios rexistrados esta noite no conxunto histórico. Os veciños tudenses denunciaron a falta de seguridade e a carencia dun Policía Local na quenda da noite por falta de efectivos.