Tui | Un obradoiro, a difusión da obra poética de Rosalía de Castro, e o Caldo de Gloria en restaurantes locais centran a celebración do Día de Rosalía en Tui.
O Concello de Tui súmase un ano máis a esta conmemoración, tal e coma recolle o acordo plenario adoptado pola corporación en 2013.
Así entre as actividades preparadas dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, está este xoves, 23 de febreiro, ás 18 h na Biblioteca Municipal o proxecto “Rosalía total” a cargo da artista miñorana Irene Silva cun obradoiro cun xogo poético con versos de Rosalía interpretaremos poemas a ritmo de rap, música tradicional, rock… A actividade vai dirixida a público infantil.
As persoas que desexen participar deben inscribirse previamente na propia Biblioteca Municipal ou no correo biblioteca@tui.gal. Poemas de Rosalía recóllense nas lonas que esta semana se colocaran na fachada do edificio Francisco Sánchez, e na Praza da Inmaculada, contribuíndo así a difusión da obra poética da autora.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explica que nunha nova ocasión dende o Concello foméntase a participación na iniciativa impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o “Caldo de gloria”.
Esta actividade xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. Dende a Fundación Rosalía de Castro sinalan que “Queremos que Galicia, lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este “caldo de gloria” dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.
Así en Tui nas datas arredor do xoves, 23 de febreiro, súmanse á iniciativa de ofrecer este “Caldo de Gloria” o Restaurante El Molino e o Restaurante Cruceiro do Monte.
O xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, conmemórase o 186 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.