Tui | A transformación, modernización e dixitalización do comercio local, tanto do sedentario coma do mercado semanal dos xoves, e a reforma integral da praza de abastos será unha realidade grazas á execución do proxecto que comezará en breve e que deberá estar rematado o 30 de xuño de 2024.
Contará cun investimento de 1,6 millóns de euros dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo aportará 1,3 millóns de euros.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, recibiron hoxe en Tui á secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, acompañada da subdelegada do goberno, Maica Larriba. A responsable estatal puido coñecer in situ as actuacións proxectadas que recibiron unha alta valoración na convocatoria realizado polo seu departamento.
Tras ser recibida na casa do concello, a secretaria de Estado de Comercio asinaba no libro de honra do Concello. Posteriormente realizaban un percorrido polo centro urbano até achegarse ao mercado municipal que grazas a este proxecto será reformado integramente. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que “é un proxecto global que afecta á totalidade do comercio de Tui”. Engadía que “non podemos esquecer a profunda raíz comercial que ten Tui, é un dos piares fundamentais de desenvolvemento da nosa economía”.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, indica que este é un proxecto “ilusionante, necesario e de futuro”, e lembra coma viñan traballando nesta actuación dende o inicio do mandato. Explica amais que é froito do estudo do tecido comercial e do propio mercado municipal. Afirmaba que “o proxecto vai darlle ao tecido comercial o impulso que necesita” e vai converter a praza “nun mercado do século XXI, no mercado que Tui, a cidadanía e os visitantes merecen”.
A secretaria de estado de Comercio, Xiana Méndez, salientou que este é un “proxecto holístico que cubre todo o que se pedía na convocatoria: modernización, economía circular, reciclaxe, transformación dixital, transformación do punto de venda, formación, e trazabilidade para reforzar a calidade e a percepción do produto local”. Destacou amais coma no mesmo “van da man o comercio e a produción local.
A delegada do goberno, Maica Larriba, indicaba que este é “proxecto ilusionante dun calado amplísimo de modernización dun espazo de mercado”. Subliñou amais que “vai marcar un antes e un despois para a cidade de Tui, e unha aposta de futuro para recuperar a historia do comercio tudense”. A execución deste proxecto suporá a modernización e actualización do Mercado Municipal, na rúa Maristas, xa que transformará tanto o seu aspecto exterior coma interior. No exterior contémplase unha praza exterior cuberta, e no interior os postos convivirán con novos usos coma un espazo gastronómico, zonas de lecer ou usos múltiples.
O mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética coa aplicación de sistemas de aerotermia e coa mellora da envolvente térmica. Dotarase a todo o espazo de iluminación e calidez, creando percorridos que favorezan a interacción e a compra. Mellorarase a sostenibilidade con illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a adhesión á iniciativa Too Good to Go, packaging reutilizable, un área de intercambio e venda de obxecto de segunda man, ou aparcamento para bicicletas.
Máis aló da actuación concreta no edificio do Mercado Municipal o proxecto a executar contempla tamén a dixitalización do comercio local con campañas de marketing en soportes dixitais, o desenvolvemento dunha aplicación que facilite información sobre o comercio de Tui de xeito integral, un marketplace, ou a análise das tendencias de compra e da competencia do comercio tudense.
Outro dos puntos nos que se incidirá será na realización dunha plataforma colaborativa con produtores locais e coa implantación dun sistema de códigos QR. A formación con accións para o manexo da app, web e marketplace, pero tamén de idiomas ou mentoring individual forman parte tamén das accións que se van realizar.