Tui | O Concello de Tui vén de abrir unha consulta pública ante a elaboración dunha nova Ordenanza reguladora do Mercado Municipal de Abastos solicitando á poboación en xeral, aos praceiros e praceiras, e ás organizacións máis representativas que puideran estar afectadas polo documento o seu parecer sobre os problemas que se pretenden solucionar con esta iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma, e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Durante dez días, contados dende hoxe, as persoas interesadas poderán presentar por rexistro, mediante instancia xeral, as suxestións e opinións ao respecto.
Coa redacción dunha nova ordenanza preténdese mellorar a calidade de prestación do servizo municipal e adaptar o texto aos novos tempos e realidade social, asegurando o abastecemento de artigos de primeira necesidade e favorecendo a súa competencia en prezos de competencia e calidade.
Por outra parte este novo texto ten por obxectivo facilitar formas de venda alternativas baseadas na venda personalizada, a calidade do produto e o servizo, actuando o Mercado municipal da Praza de Abastos como un espazo de especialización que actúe como motor da zona comercial que atraia a implantación doutras actividades comerciais ós locais adxacentes.
Tamén se busca establecer un novo marco de relación entre o Concello e os titulares de todos os puntos de venda e concesionarios do Mercado Municipal para facilitar a xestión deste servizo público en beneficio da poboación consumidora e da sociedade en xeral, garantindo o respecto aos dereitos e intereses das persoas consumidoras e usuarias.
A nova ordenanza detallará as normas xerais de funcionamento da Praza de Abastos, os dereitos e deberes das persoas concesionarias e actualizarase o réxime sancionador.
A actual ordenanza en vigor aprobouse hai vinte anos, polo que coa redacción dun novo texto búscase a súa reformulación, a adaptación aos novos tempos e á nova realidade.
A redacción da nova ordenanza coincide no tempo coas obras de reforma do Mercado de Abastos que se están a executar nestes momentos e que suporán unha transformación total do espazo adaptándoo aos novos tempos, as novas necesidades e demandas.