Tui | Tui contará cun novo Centro de Cooperación Policial e Aduaneira, CCPA, na Avenida de Portugal. O proxecto está agora mesmo en fase de licitación por parte do Ministerio do Interior. O prazo de execución previsto no proxecto é de 12 meses e o orzamento ascende a 2.652.976,65 €. A actuación forma parte do Plan de Infraestructuras de la Seguridad del Estado.
O proxecto a executar contempla a construción dun edificio que dará solución ás necesidades previsibles tanto a medio coma a longo prazo de forma integral e pon o foco na “operación óptima e eficiente do edificio”. A parcela onde se vai situar o novo CCPA ten unha superficie de 4.244 m2, e edificio, funcional e eficiente enerxética mente, contará cunha superficie de 1.193,76 m2.
O novo centro terá o acceso principal a través da Avenida de Portugal, e a través da súa travesía establecerase o acceso para vehículos e aparcamento.
A construción estruturase en base a un corredor central, entorno ao que se distribuirán en distintos volumes ou “caixas” onde se ubicarán as distintas dependencias. Contará con dous accesos un principal dende a Avenida de Portugal e outro posterior para aparcamento na travesía.
O edificio presenta dous corpos edificatorios conectados, un que conforma o edificio administrativo cunha zona con dous niveis de oficinas e despachos para os distintos corpos presentes no CCPA, e o resto dunha planta. O segundo corpo destinarase a aparcadoiro cuberto.
O proxecto contempla tamén a urbanización perimetral da parcela entorno ao edificio con zonas axardinadas con especies autóctonas combinando árbores, arbustos, e plantas con flores que faciliten a polinización.
No Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui están a Garda Civil, a Policía Nacional, e a Axencia Tributaria por parte española, e a Garda Nacional Republicana, a Policía de Seguridade Pública, a Policía Xudiciaria e o Servizo de Estranxeiría e Fronteiras, por parte portuguesa.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta coma esta actuación, xunto á próxima humanización da Avenida de Portugal, contribuirá á rehabilitación e posta en valor desta entrada a Galicia dende Portugal, que a diario é empregada por miles de persoas e vehículos. Lembra amais que aquí está a porta do Camiño Portugués a Galicia que percorren tamén miles de peregrinos ao longo de todo o ano.