Tui organiza a IV edición do Foro Musical “Resonancias”

O día 6 de agosto no marco do XVIII edición do festival Música no Claustro

Tui | O martes 6 de agosto a Xunta de Galicia impulsará en Tui a cuarta edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias, no marco do XVIII Festival Música no Claustro. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación da nova edición deste evento, que terá lugar na Catedral de Tui entre os días 1 e 7 de agosto, e que conta co apoio da Xunta por noveno ano consecutivo.

A través do Foro Resonancias búscase promover a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste festival que é xa unha cita consolidada e de referencia en Galicia. As persoas interesadas en participar deberán realizar a inscrición previa na páxina web do festival Música no Claustro.

O obxectivo de Resonancias é achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio.

Entre as principais novidades desta cuarta edición atópase unha mesa redonda participativa, denominada Encontro de encontros e na que se darán a coñecer diferentes eventos vinculados aos instrumentos musicais que se celebran en Galicia e no resto da Península. Tamén incluirá un showroom de instrumentos musicais no que confluirán construtores de instrumentos e intérpretes.

Como en anos anteriores, o Foro está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz e centrarase na reflexión e difusión do tecido profesional artesán en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, as investigacións de musicoloxía ou iconografía e historia da arte, a xestión de coleccións en museos e outras profesións técnicas vinculadas ao sector.

Resonancias 24 rescata o estudo Music in Spanish Galicia, do hispanista británico J.B. Trend publicado na revista Music & Letters no ano 1924. Trátase dun artigo case descoñecido na actualidade, que podería constituír o xerme da difusión da música galega entre o público anglosaxón e que chega da man da visión académica de Eva Moreda, catedrática de Musicoloxía da Universidade de Glasgow.

Programación completa
A programación deste ano abrirase ás 10,00 h. coa mesa redonda participativa, para a que se convoca a asistencia de feiras, encontros, xornadas ou festivais que xiran arredor dos instruemntos musicais, coa intención de mapear e coñecer a realidade e proxección de cada evento para convivir no ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro.

Ás 11,30 h., os músicos e artesáns malienses Madou Kouyaté e Fodé Lassana Diabaté – integrantes do Trio da Kali – abren o foco cara ao continente africano compartindo o valor social e as característias de construción do ngoni e do balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot.

Ás 12,45h Eva Moreda falará da música e do son na expeirencia de Galicia dos viaxeiros británicos, a partir da investigación de J.B. Trend en diferentes localidades galegas como Santiago de Compostela, Noia, Pontevedra, Vigo ou Tui, así coma do seu contacto coa música tradicional.

A partir das 13,30 h., Rosa Sánchez e Pablo Carpintero – do obradoiro de Pablo Carpintero, inscrito en Artesanía de Galicia – falarán sobre as gaitas de fol na provincia de Pontevedra. Despois do xantar terá lugar o showroom de instrumentos musicais e o evento pecharase co concerto The music of Galicia (1924) interpretado por Pedro Lamas, Germán Díaz e Antonio Romero Cienfuegos.