Tui | O Paseo Fluvial de Tui acollerá mañá venres, 23 de setembro, ás 20 h o espectáculo de danza ‘Os 4 elementos’ da escola de danza viguesa Unidance. Trátase do último evento de danza, música e patrimonio do ciclo ‘Bailando a terra’ promovido pola Deputación de Pontevedra e que chega á cidade coa colaboración do Concello de Tui.
“Bailando a terra” é un proxecto cultural da Deputación de Pontevedra que busca mesturar a arte coa paisaxe, a natureza, a gastronomía e a cultura. Logo de percorrer diversos concellos da provincia, o último espectáculo terá lugar mañá en Tui da man da escola de danza viguesa Unidance.
Este ciclo de danza realízase en colaboración con compañías profesionais de diferentes disciplinas e con las escolas de danza da provincia. Deste xeito, o baile en directo amósase en perfecta harmonía coa natureza para bailala, sentila e entrar en contacto con ela.
O espectáculo, dirixido por Alejandra Teixeira, xogará coa interpretación en diversas modalidades de danza e música coa terra, a auga, o lume e o aire. Máis de 40 alumnos e alumnas da escola darán vida a unha coreografía ideada polos catros profesores do centro vigués especificamente para este ciclo.
A propia directora, Alejandra Teixeira, di que pensaron un espectáculo acorde ao lugar emblemático que os acollerá en Tui.
“Os espazos naturais nos que se enmarcan estes proxectos son característicos de cada pobo e cidade. A nós tocounos en Tui, no Paseo Fluvial, e é un marco fermoso e impresionante para estrear un proxecto novidoso, con diferentes vestiarios, estilos de danza e espectáculos de lume”, engadiu.