Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo onte, na sede da diocese de Tui-Vigo, unha reunión de traballo co bispo Antonio Valín Valdés. O principal obxectivo foi abordar os preparativos do programa conmemorativo do oitavo centenario da Consagración da Catedral de Tui que terá lugar en 2025. Precisamente por este motivo no Concello de Tui creouse unha comisión de traballo integrada por diferentes organismos e entidades, que traballa nas actividades a realizar con motivo desta data tan destacada.
Outros dos asuntos abordados foron a situación do Museo Diocesano e mesmo do Arquivo Catedralicio e Diocesano. O alcalde de Tui expuxo ao bispo a inquedanza que existe por poder visitar a colección de Sambenitos, pezas únicas do patrimonio xudeu tudense, que suscitan gran interese entre estudosos e naquelas persoas que visitan a cidade con motivo do legado xudeu que atesoura.
O alcalde interesouse amais pola situación das obras do Museo que están a executarse no templo catedralicio. Enrique Cabaleiro e Antonio Valín abordaron amais a obra prevista de mellora da iluminación artística da Catedral de Tui con cargo do PSDT “A despensa de Galicia”.
Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi a importancia do Camiño Portugués en Tui coma punto de inicio desta vía xacobea. O rexedor tudense expuxo ao bispo as demandas que se plantexaron na Mesa do Camiño Portugués como a posibilidade de que puidesen estar abertas as igrexas situadas no tramo do Camiño en Tui coma é caso de San Domingo, San Bartolomeu a capela da Virxe do Camiño, así como de que diariamente se poida celebrar na cidade unha misa do peregrino.