Tui | O Concello de Tui presenta este mércores, 20 de novembro, ás 20 h na Sala Municipal de Exposicións, o libro “Silverio Rivas”, editado pola Fundación Xoán Piñeiro co apoio do Concello de Tui así como da Consellería Cultura da Xunta de Galicia e do Concello de Ponteareas.
Este é o segundo volume de Nerga que, como colección de libros monográficos promovida pola Fundación Xoán Piñeiro, quere seguir contribuíndo a pensar sobre a escultura. Este libro pretende, segundo a Fundación Xoán Piñeiro, descubrir a teima do escultor ponteareán e con estudo en Paramos, Tui “pola escultura pública, pola constante exploración da materia, pola alta expresión poética e polo xogo que imprime aos proxectos que realiza”.
O libro é unha viaxe polas coordenadas históricas dunha vida dedicada á cultura e á escultura. Ademais, está coordinado polo investigador e profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Anxo Rodríguez González. En palabras do coordinador, “Silverio é un dos artistas que máis contribuíu á transformación da paisaxe urbana na nosa terra desde a arte, coas súas esculturas, desde as últimas décadas do século XX”.
A relevancia de Silverio Rivas na historia da arte galega recente evidénciase polo importante volume de traballos publicados que se teñen achegado sobre a súa obra. O libro ofrece un percorrido pola pegada do autor no eido da escultura. Ademais, achega unha biografía que parte dende a aldea natal en Fontenla, Ponteareas, a Madrid, Francia, ata o seu taller en Paramos, Tui. A obra conta coa participación da doutora pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora Uxía González-Otero. Tamén participou Jorge Viz González, doutor en Historia da Arte pola USC.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, sinala que este libro xorde como un novo recoñecemento á importancia do creador galego no concepto de arte pública con obras que impactan e abrazan os espazos. Silverio Rivas conta cunha escultura na cidade de Tui, en concreto á destinada á memoria dos represaliados na guerra civil e na ditadura franquista instalada na Alameda tudense.
Desde que instalou o seu obradoiro na parroquia de Paramos Silverio Rivas mantén unha ampla relación coa cidade de Tui o que levou a que o Concello de Tui o distinguise no ano 2021 co premio “Cidade de Tui” na categoría individual.
Sonsoles Vicente anima aos veciños de Tui a asistir a esta presentación aberta ao público ata completar o aforo. No acto participará: Xesús Vázquez González, presidente da Fundación Xoán Piñeiro, Miguel Anxo Rodríguez González, coordinador do libro, Enríque Cabaleiro González, alcalde de Tui e pechará esta presentación o propio escultor, Silverio Rivas.
Silverio Rivas (1942)
Inicia a súa formación artística no taller de ebanistería do seu pai, e posteriormente, cursa estudos na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde recibe clases de mestres como Camilo Nogueira. Aprende a técnica de escultura en bronce no taller de Xoán Piñeiro, e recibe unha bolsa que lle permite ampliar coñecementos en Madrid na Escola de Artes e Oficios e no Círculo de Belas Artes.
Así mesmo, traballará dous anos no taller do escultor Francisco Barón. Realiza a súa primeira mostra individual en Caixavigo en 1971, e tras esta experiencia, expoñerá en cidades de España e europeas como Múnich, Bruxelas, Dublín, París, Frankfurt, Oporto ou Lisboa, entre outras.
Ademais, participa no Laboratorio de Formas de Sargadelos de 1976, onde desenvolve as súas cerámicas articuladas. Tres anos máis tarde instálase en París; na capital gala abre un estudo que manterá ata a actualidade. Ademais, residirá en Bélxica e Holanda, e desde 1986, vive e traballa no seu taller de San Xoán de Paramos (Tui). Membro do grupo Atlántica, foi galardoado co Premio da Crítica Galicia (1992) e co Premio Laxeiro (2015).