Tui | Este 5 de decembro, ás 20:00 horas no edificio Francisco Sánchez, rúa Colón nº 2, terá lugar a presentación do libro “Tesouro Espeleolóxico Galego” que edita o Club Espeleolóxico “Maúxo” que contará coa participación de Alba Cid, profesora, prestixiada poeta e coautora desta magna obra editada por aCentral Folque nun coidado volume ilustrado de 544 páxinas. Ademais, participará o historiador e arquiveiro tudense, Rafael Sánchez Bargiela.
Dende o Club sinalan que así “materializamos así o devezo de presentar en Tui este traballado volume no que se editan máis de 1200 referencias (textos e imaxes) documentadas antes de 1970 con información sobre todo tipo de cavidades naturais (covas, abrigueiros, furnas, pedras furadas…), artificiais (minas de auga, de ouro, estaño… pozos, túneles) e mesmo covas imaxinadas (corredores de dimensións extraordinarias, furadas míticas de encantos, mouros, mouras, dragóns, sons misteriosos…) de interese galego. É dicir, non só aquelas cavidades localizadas na Galiza actual, tratamos tamén, aquelas buracas en territorio estremeiro e mesmo covas ciscadas polo mundo adiante que, nalgún momento, foron descubertas, exploradas ou descritas por xente galega”.
Nesta presentación terán o protagonismo que merecen as referencias espeleolóxicas localizadas en Tui: as Covas da Trapa (documentada como Féveros no ano 1095), a Gruta do río Tabernas (da que falaba Ramón Areses) ou o incríbel túnel que comunicaba a catedral tudense e o mosteiro de Ganfei (Valença); concello minhoto tamén presente neste Tesouro coas covas graníticas do Castelo da Furna (Boivão), A Cova da Moura (São Julião da Silva) e mais as minas de volframio de Taião.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, subliña que esta obra é unha enciclopédica e novidosa achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, nos alicerces do que son, aínda hoxe, os ignorados precedentes da actual espeleoloxía galega onde o Club Espeleolóxico “Maúxo” ten un protagonismo indiscutible. A concelleira agradécelles o traballo que veñen realizado en Tui e que permitiu o coñecemento das Covas da Trapa, un elemento singular do noso patrimonio natural e cultural.