Tui quere ser Cidade Amiga da Infancia

Realizouse o pleno infantil alzando a voz polos seus dereitos

Tui | Alumnado de centros educativos de Tui protagonizou hoxe o pleno infantil e xuvenil no Concello, con motivo da conmemoración, o pasado 20 de novembro, do Día Mundial dos Dereitos da Infancia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a sesión lembrando a celebración deste Día, e da convocatoria desta sesión infantil respondendo á recomendación de Nacións Unidas de “participación dos nenos e nenas nas institucións públicas, de cara a que as poidades coñecer, porque son as institucións públicas as que levan a cabo medidas que vos van afectar de forma moi directa e polo importante que é xa dende moi pequenos que vos vaiades familiarizando coas mesmas” dicía.

Engadía o rexedor tudense que “os nenos e nenas sodes xa o presente, e hai xa notables candidatos e candidatas para desempeñar responsabilidades públicas neste Concello”.

Representantes do alumnado dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, dos CEIP’s Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Randufe, e do colexio Maristas Santa María, reflexionaron sobre as necesidades que observan na cidade para convertela en máis segura e accesible; e suxeriron melloras en diversas instalacións de lecer.

Amais amosaron a súa colaboración para, xunto ao Concello, mellorar a comunicación entre os e as políticas e a veciñanza. Interveu amais a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, amosando a súa disposición para escoitar as propostas e suxestións da poboación máis nova, lembrando que “dende o Concello se está a traballar para converter a Tui en Cidade Amiga da Infancia”.

Interviñeron os representantes dos grupos políticos presentes, aplaudindo as ideas do alumnado e destacando a importancia de darlles voz. Tomaron a palabra José Manuel Palacín, de Converxencia 21; Ánxela Estévez, do Bloque Nacionalista Galego; e Pilar Gregores, dende o Partido Popular.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.