Tui | O Concello de Tui recibiu esta mañá unha doazón moi especial de mans do veciño Ramón Amado. Trátase duns mapas de cartografía militar de gran detalle e valor histórico que foron adquiridos, no seu momento, nunha tenda de Madrid especializada e que comercializa diversas pezas e mapas do Servizo Xeográfico do Exército español.
Deste xeito, o mapa doado de Tui recolle de modo exhaustivo todo o territorio municipal, con especial detalle de todas as parroquias tudenses. Deste xeito, nesta doazón pódese estudar todos os accidentes xeográficos e as distintas zonas que conforman o territorio da cidade e os concellos limítrofes a unha escala de 1:50.
Ramón Amado fixo entrega ao Concello xunto ao mapa de Tui outros da Guarda, Salceda ou Salceda adquiridos no mesmo establecemento. Todo este material, de gran valor histórico e educativo, pasa a pertencer a toda a veciñanza, e incorpórase ao Arquivo Municipal de Tui.
En nome do concello o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu esta doazón de mans de Ramón Amado, e fíxolle entrega a este veciño dun agasallo, un libro da Eurocidade, en sinal de agradecemento. Precisamente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu esta doazón que “engrandece o gran legado patrimonial da cidade de Tui” e porque é un xeito de facer cidade. Ramón Amado, nado en Tui, viviu por cuestións laborais e durante moitos anos da súa vida en Madrid, onde atopou estes mapas da súa terra. Xa xubilado, afincouse de novo no Baixo Miño. Decidiu facer esta doazón, declarou, para que “toda a veciñanza poida consultar e coñecer en profundidade todo o territorio tudense e as súas parroquias”.