Tui | O Concello de Tui foi galardoado con dúas Flores de Honra no Certame Vila en Flor 2022. Trátase da primeira ocasión na que o concello recibe esta segunda flor, unha distinción para a que o xurado valorou positivamente as actuacións en materia de compostaxe, educación ambiental e as obras de recuperación de espazos para a veciñanza.
Entre esas actuacións foi moi valorado o proxecto de recuperación dos xardíns Troncoso e Antero Rubín xunto co proxecto de humanización da rúa Colón. Neste senso, o xurado do Certame Vilas en Flor premia o bo labor de mellora e apertura de espazos da nosa cidade para uso e desfrute da cidadanía.
O Certame Vilas en Flor xurdiu en Galicia por iniciativa de ASVINOR e AGAEXAR apoiadas e coordinadas pola Fundación Juana de Vega como parte do seu plan de mellora integral do territorio e a paisaxe en Galicia.
Trátase dun programa para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público dos proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Concédense anualmente segundo o criterio do xurado en cinco niveis de Flores de Honra. O pasado venres en Caldas de Reis recolleu a distinción a concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez. Deste xeito, o Concello de Tui aposta pola continua mellora destes espazos e o traballo para tratar de acadar, no próximo certame, a terceira Flor de Honra.