Tui | O Concello de Tui humanizará a rúa Augusto González Besada e a Corredoira Sur, incluíndo a praza da Inmaculada. Deste xeito, reunificarase a rúa Augusto González Besada, a praza da Inmaculada e a Corredoira nunha plataforma única.
O proxecto redactouse con cargo a financiación da Deputación de Pontevedra dentro do proxecto Ágora 1. O ente provincial aprobou a pasada semana en pleno a financiación da execución da obra con cargo ao plan de subvencións PON2030, dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes. Con dito plan financiaranse centros de maiores, escolas infantís, sendas peonís, instalacións deportivas e reformas urbanas.
A Deputación destinará á execución das obras en Tui un total de 795.715,05 €, e o Concello de Tui os restantes 198.928,76€ con cargo a fondos municipais. A contía total do proxecto ascende a 994.643,81 €. Aínda que non se coñece a data exacta do comezo das obras, prevese o seu inicio a principio do próximo ano 2024.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que este é un proxecto no que veñen traballando “dende a anterior lexislatura” e que, segundo defende, “trátase dun proxecto ambicioso que vai cambiar a fisionomía e a configuración dese entramado urbano”. Asemade, o rexedor tudense defende que con esta reforma “se dignificará un dos principais accesos ao ámbito central da cidade e ao casco histórico”.