Tui regresa ao medievo da man do Festival Arraianos do 30 de agosto ao 1 de setembro

Como novidade celebrarase o xogo de rol “Habelas Hainas”. As visitas teatralizadas e a conferencia centraranse na época viquinga

Tui | Tui volverá facer unha viaxe á época medieval do 30 de agosto ao 1 de setembro da man do cuarto Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. Cada ano na cidade ábrese un desfase temporal polo que regresa a distintas épocas do pasado debido ás avarías que sofre unha máquina do tempo deseñada por unha científica tola. Así comezou hai catro anos un festival que dende o primeiro momento contou coa involucración da cidadanía, do comercio e da restauración local, e que edición a edición vai gañando adeptos tanto entre tudenses coma entre visitantes.

O festival foi presentado esta mañá na casa do concello de Tui. Un acto no que o alcalde, Enrique Cabaleiro, fixo un recoñecemento público aos promotores do evento encabezados pola súa directora, Andrea Costa, por crear este festival que “era unha das carencias a nivel cultural que tiña o municipio tendo en conta que Tui ten o marco idóneo para un evento desta índole”, dicía. Engadía o rexedor tudense que “a implicación social é fundamental para consolidar un evento desta magnitude” e afirmou que “hai que facer unha aposta decidida e firme se o queremos consolidar”. Facía así un chamamento ao tecido socioeconómico para sumarse ao festival.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou que este é un evento que abrangue cultura e lecer nas rúas do conxunto histórico, que ano a ano vai crecendo.

Mentres Andrea Costa e Víctor Pérez Bugarín foron os responsables da explicar a programación que se poderá gozar do venres 30 de agosto ao domingo 1 de setembro.

Mercado Medieval
O Festival comezará o venres ás 20 h coa apertura do Mercado Medieval que se desenvolverá nas prazas do Concello, San Telmo e Fromista. Abrirá o venres de 20 a 00 h, o sábado de 12 a 00h e o domingo de 12 a 22 h, aínda que tanto sábado como domingo está establecido un descanso voluntario por parte dos participantes de 15 a 19 h.

Ceas de Taberna e Noite da Donzela
No cárcere vello celebrarase o venres, ás 21.30 h as “Ceas de Taberna” na que os comensais deben ir ataviados da época medieval para poder gozar o menú formado por receitas medievais e inspiradas en Xogo de Tronos: polo ao mel. cenorias salteadas con manteiga. pastel medieval de porco, pastel vexetal, carne á brasa, ensalada de sansa, galletas de mel medievais. mazás asadas e froita, con viño, cervexa, e auga.

O prezo da cea é de 20 € para adultos, 15 € para rapaces e rapazas de 11 a 16 anos, e 10 € para nenos e nenas de 6 a 10 anos. O menores de 5 anos cearán de balde. Existen descontos para grupos de máis de 5 adultos, e familias con máis dun neno. A entradas pódense mercar xa na web de Arraianos. Está limitada a 40 comensais.

Ás 23.30 h na praza de San Fernando celebrarase a “Noite da Donzela” con espectáculos medievais a cargo de Circocido e Asacocirco.

A Conquista do Miño en kaiak e xogo infantil
O sábado, 31 de agosto, ás 19 h celebrarase a carreira popular en kaiaks “A Conquista do Miño”. Na mesma os participantes partirán da praia da Mariña e terán que ir até a vella Ponte Internacional na busca dos lazos de cores que lles darán a vitoria. A inscrición está aberta na web asociacionarraianos.es.
Ás 20 h, tamén no Paseo Fluvial, celebrarase o xogo infantil “Mouchos, coruxas, sapos e bruxas” dirixido a maiores de 10 anos.

Xogo de rol Habelas Hailas e espectáculo Noite de Curuxas
O sábado ás 22 h celebrarase o xogo de rol “Habelas Hailas”, unha das novidades da edición deste 2019. O número de prazas para participar no xogo está limitado a 30, que se cubrirán por orde de inscrición. Os interasados en participar deben enviar un correo electrónico a produccion@asociacionarraianos.es co asunto “Habelas Hailas” e indicando o nome e apelido, idade e teléfono de contacto dos participantes. A participación é gratuíta.
Este xogo de rol ambiéntase no século XIV tras a desaparición do Malleus Maleficarum, coñecido coma o Martelo da Bruxas, e que fora empregado durante moito tempo polos inquisidores para a caza de bruxas.
Ás doce da noite Circocido e Hípica Celta serán os protagonistas dos espectáculos da “Noite das Curuxas” na praza de San Fernando.

Visitas teatralizadas e conferencias
Están previstas tres visitas teatralizadas. A primeira delas, con temática de medo, será o sábado, 31 de agosto, ás 23 h – en pase único – co título “Noite das Curuxas”. Na mesma percorreranse os recunchos medievais máis escuros da cidade. Xa o domingo, con dobre pase, o primeiro ás 18 h e o segundo ás 19.30 h realizarase a “Visita Teatralizada Arraianos” centrada no mundo viquingo. A participación nas visitas é limitada e é preciso inscribirse previamente en asociacionarraianos.es. Teñen un prezo de 8 € por adultos, 4 para rapaces e rapazas de 11 a 18 anos, e gratuíta para os menores de 10 anos.

O domingo a programación ábrese ás 12h no cárcere vello coa conferencia Arraianos a cargo do historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.

Noite do escudeiro
O domingo, 1 de setembro, ás 21h celebrarase no Paseo Fluvial a “Noite do escudeiro” que presenta unha serie de espectáculos medievais con combates corpo a corpo, xustas medievais,…

Caracterización Medieval
Está aberto o prazo, para os establecementos de Tui, para participar no concurso de Caracterización Medieval, no que competirán pola mellor adaptación medieval da súa vestimenta e dos seus locais. No mesmo valorarase a vestimenta, adaptación do local e orixinalidade. O local gañador obterá o Trofeo de Caracterización. O locais que desexen participar deben enviar un correo a produccion@asociacionarraianos.es co asunto: Caracterización Medieval. O xurado avaliará o venres á mañá os establecemento participantes e o domingo darase a coñecer o ganador.

Proposta gastronómica medieval
Cinco locais de Tui ofrecerán durante o festival – de venres a domingo de 20 a 23 h – un receitario medieval no que poderán degustar as tapas elaboradas para a ocasión ao prezo de 2 €. Será “Pasteis medievais de París” en Puro Sabor (so o venres); “Krépa D’nos” en Tapería Época; “Manxar de Meigas” en El Pórtico, “Camiño de Santiago” en Tapas e Viños, e “Carne ao caldeiro” en O Novo Cabalo Furado.