Tui | Nun acto cun carácter marcado festivo e gran afluencia hoxe quedou inaugurado o mercado municipal de San Antonio tras as obras de renovación da praza que supuxeron un investimento superior ao 1,3 millóns de euros.
“Esta obra é de todos e para todos” explicou o alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención, na que sinalou que o mercado é un elemento de dinamización. Tamén indicaba o rexedor que “conseguimos materializar este proxecto grazas ao traballo de planificación e ao consenso institucional e político”.
çFacía un chamamento á confianza indicando que “entre todos imos conseguir recuperar o noso equipamento público , dignificar o noso ámbito urbano, e que Tui siga sendo un lugar que atrae máis visitantes, onde cada vez hai máis actividade económica e onde os nosos fillos e as nosas fillas poidan viabilizar o seu futuro”. Remataba con palabras de recoñecemento ao traballo realizado nestes cinco anos, cando se iniciou este proxecto, por parte da concelleira de Comercio, Ana Núñez.
Pola súa banda a concelleira Ana Núñez, repasou ese tempo de traballo e todas as persoas que aportaron de seu para que este proxecto sexa hoxe realidade, un tempo no que houbo bos e malos momentos. Ana Núñez destacou que “hoxe inauguramos este novo mercado coa ilusión de que se converta nun motor de desenvolvemento para a nosa cidade, un espazo cheo de vida, de sabores, de encontros e de sorrisos. Un lugar onde todos os días se escribe un novo capítulo da nosa historia común”.
A deputada de Turismo, Nava Castra, manifestou que este “é o claro exemplo de colaboración entre institucións, e a sociedade civil, neste caso os praceiros e praceiras”. Desexou ao mercado tudense a mesma sorte que o Mercado de San Antonio de Madrid.
Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, expuxo que “o soño dun director xeral de Comercio é atopar prazas de abastos tan ateigadas coma esta no día de hoxe” o que agardaba que isto sexa un reflexo da afluencia diaria de compras, o que será bo, dicía, “para a actividade económica e para xera emprego”. Desexaba “moi bo futuro para os praceiros e comerciantes, e que siga a ser un punto de encontro”.
Abel Losada, subdelegado destacaba que temos aquí “un magnífico novo punto de encontro para a cidadanía e para os visitantes”. Tivo palabras de eloxio para o alcalde pola transformación que está a conseguir da cidade, e pola consecución de fondos europeos que está a lograr. Con respecto a esta obra, que supuxo un investimento e 1,3 millóns de euros, que foi unha das nove obras subvencionadas en Pontevedra, e a segunda de maior importe tras Vigo. “Este tipo de mercados teñen unha enorme difusión, un efecto multiplicador sobre o tecido produtivo de proximidade que é fundamental para fixar poboación” dicía.
A voz de Sheila Patricia foi a encargada de abrir o acto no que tamén interviron na parte musical Arrancaxestas e Nuno Louro. No exterior non faltaron as actividades de animación infantil con globoflexia eu obradoiro infantil de cociña. Non faltaron agasallos coma bolsas, globos e outro material promocional do Mercado de San Antonio ou os premios da ruleta nos que moitos e moitas probaron sorte. Mentres no interior os praceiros e praceiras desenvolvían a súa actividade atendendo aos clientes que acodían a facer as súas compras de peixe, carne, flores, froita, ou produtos gourmet. Hoxe amais, coincidindo coa inauguración, abriu un novo espazo gastronómico.