Tui | A folla de ruta do equipo de goberno de Tui respecto as instalacións deportivas municipais, cuxo obxectivo principal, ademais do fomento, promoción e difusión do deporte, é a de manter as instalacións deportivas de titularidade municipal ao nivel dos clubs deportivos e deportistas que as utilizan, ven de cumprir outro paso máis, nesta ocasión coa substitución do chan de madeira da terraza do Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Piragüismo e Remo, o chamado Centro Interfederado.
Así, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, para a reparación e mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, realizáronse os traballos de substitución da madeira vella, por un material plástico máis resistente e duradeiro, que lle da un novo aspecto e máis seguridade.
O investimento desta obra, executada entre decembro do ano 2023 e febreiro de 2024 pola empresa tudense RONAUTICA QUALITY MARINAS, foi de 45.254,00€.
Esta mellora, xunto a próxima apertura da cafetería da instalación, adxudicada recentemente, revalorizarán o centro, así como o entorno situado á beira do río Miño.