Tui | O Concello de Tui súmase á conmemoración do “Día oficial da memoria do Holocausto e prevención de crimes contra a Humanidade” que ten lugar mañá, 27 de xaneiro.
O 27 de xaneiro conmemórase a liberación en 1945 por parte das tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi en Auschwitz-Birkenau. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou oficialmente esta data coma o Día Internacional da Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. España instaurou no ano 2005 a conmemoración desta data coa denominación de “Día oficial da memoria do Holocausto e prevención de crimes contra a Humanidade”. Deste xeito cada ano, ao redor do 27 de xaneiro, réndese homenaxe á memoria das vítimas do Holocausto.
“O 27 de xaneiro conmemórase a liberación en 1945 por parte das tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi en Auschwitz-Birkenau”
O Concello de Tui súmase a este conmemoración, especialmente agora que forma parte da Red de Juderías de España. Mañá mércores, 27 de xaneiro, estaba prevista a inauguración da exposición “Viaxes xudías” e un pequeno acto de lembranza desta data, que tivo que ser anulado debido ás medidas acordadas pola Xunta de Galicia para a prevención da pandemia que obrigan ao peche dos servizos culturais.
“O Concello de Tui súmase a este conmemoración, especialmente agora que forma parte da Red de Juderías de España”
Nese acto íase ler o seguinte texto preparado pola Red de Juderías:
“O Holocausto non só afectou profundamente aos países onde se cometeron crimes nazis, senón que tamén afectou a moitas outras partes do mundo. Sete décadas despois dos acontecementos, existe unha responsabilidade colectiva de tratar o trauma restante, manter medidas que permitan unha conmemoración efectiva, coidar sitios históricos e promover a educación, documentación e investigación. Esta responsabilidade require educar sobre as causas, consecuencias e dinámicas destes crimes, así como reforzar a capacidade de resistencia dos mozos fronte ás ideoloxías de odio. A medida que os xenocidios e outros crimes atroces seguen ocorrendo en varias rexións do mundo e como asistimos a un aumento mundial do antisemitismo e do discurso de odio, isto nunca foi máis relevante”.
O Concello de Tui súmase a esta conmemoración e expresa o seu compromiso de traballar cada día para desbotar da nosa sociedade o discurso do odio e a discriminación por calquera condición.