En 2025, a Catedral de Tui celebrará o seu 800 aniversario. O Concello ten prevista unha completa programación que amplía a súa oferta cultural, turística e de patrimonio histórico entre as que destacan a Red de Juderías e o Camiño Portugués a Santiago. Sobre estes e outros temas falamos coa concelleira Ana María Núñez Álvarez.
Este 2025 conmemora o 800 aniversario da Catedral de Tui. Que actividades estanse programando dende o Concello?
Tomando en conta que a Catedral é un dos monumentos góticos máis importantes da península ibérica, o Concello está traballando nun programa extenso de actividades culturais, históricas e turísticas que se desenvolverán entre o 30 de novembro de 2025 e todo o 2026. Estanse explorando eventos de alto impacto como un espectáculo de luces, un festival ou un Congreso para poñer en valor o legado histórico e cultural do monumento. Existe tamén a posibilidade de acoller unha edición especial de Las Edades del Hombre en 2026.
Ademais, estase traballando para acadar a declaración de evento de excepcional interés no 2026, unha declaración que permite abrir a porta a colaboración público-privada e, polo tanto, que os operadores económicos e o tecido empresarial autonómico e tamén nacional, sexan coprotagonistas e coparticipes deste evento. A nivel de infraestructuras se está abordando a renovación da iluminación exterior da catedral, así como a mellora de diferentes prazas do conxunto histórico.
“Estase traballando para acadar a declaración de evento de excepcional interés no 2026”
En setembro pasado, Tui organizou as Xornadas Europeas da Cultura Xudea. Qué impacto está tendo a cada vez máis activa participación tudense dentro da Red de Juderías/Caminos de Sefarad?
A presenza de Tui neste Rede está fortalecendo a súa visibilidade como destino turístico e cultural. Durante o pasado “Setembro Xudeu”, organizado no marco das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, leváronse a cabo preto de vinte actividades ao longo de todo o mes como visitas guiadas temáticas e teatralizadas que contaron cunha extraordinaria acollida; concertos, exposicións e eventos gastronómicos que destacaron a conexión histórica e cultural da cidade coa tradición sefardí. A menorá do claustro da Catedral, por exemplo, é un símbolo destacado da herdanza xudía na cidade.
Ademais, Tui foi escenario dun capítulo da serie documental “Caminos de Sefarad, diario de una ciclista”, que promove o patrimonio xudeu da cidade a nivel internacional, reforzando o seu impacto no turismo cultural. Estas iniciativas axudan a Tui a consolidar o seu lugar dentro da Rede, atraendo visitantes interesados no legado sefardí e dinamizando a economía local.
Pode Tui converterse nun referente a nivel europeo en materia de conservación do patrimonio xudeu?
Tui posúe o potencial para converterse nun referente europeo na conservación do patrimonio xudeu debido á súa rica historia sefardí, á pertenza á Rede de Xuderías de España e os esforzos por poñer en valor este legado. Esa é a nosa convicción e nesa liña traballamos. Feitos como o descubrimento de elementos únicos como os Sambenitos de Tui, que son unha das pezas históricas máis destacadas no ámbito da memoria sobre a Inquisición e que son os únicos exemplares coñecidos en España que aínda se conservan, contribúen a acadar ese obxectivo.
Este ano o Concello levou a cabo un amplo programa de actividades en torno á figura de Francisco Sánchez, médico e filósofo tudense de orixe xudeu. Cal foi a súa receptividade de cara ao público?
O programa do Concello arredor da figura do médico e filósofo Francisco Sánchez no marco do IV centenario do seu pasamento, en Toulouse en 1623 tivo unha recepción positiva tanto a nivel cultural como educativo. Entre as actividades destacaron unha exposición sobre a súa vida e obra; a tradución da súa principal obra filosófica “Quod nihil scitur”; a presentación da tradución ao galego do seu poema “Carmen de Cometa” traducidas ambas obras polo profesor tudense Laureano Alonso e unhas xornadas de estudo co apoio de especialistas, organizadas en colaboración co Consello da Cultura Galega ou a colocación dun monolito conmemorativo.
Estas iniciativas buscaron reivindicar a súa figura como precursor do pensamento filosófico europeo moderno e como unha personalidade relevante da historia tudense e sefardí. Ademais, a tradución de Carmen de Cometa contribuíu a facer máis accesible un texto significativo que combina crítica científica e poética.
A resposta ás actividades suxire un interese crecente pola figura de Francisco Sánchez e polos valores culturais e históricos que representa para Tui, reforzando a conexión da cidade co patrimonio sefardí e o humanismo renacentista europeo.
Tui vén de recuperar a exposición “Estampas da Memoria”, represaliada polo franquismo. Tamén observamos un impulso na recuperación da memoria histórica local. Qué nos pode comentar sobre estas iniciativas?
A recuperación desta exposición, censurada polo franquismo en 1968, foi un éxito, o cal permitiu ampliar o prazo de exhibición ata o pasado mes de novembro debido á gran afluencia de público e interese. O impulso na recuperación da memoria histórica en Tui é un compromiso innato de este goberno municipal que está acompañado da colaboración entre asociacións e a administración, consolidando o seu papel como modelo de preservación do pasado na comarca.
Compre lembrar que foi en Tui no ano 1999 onde se colocou o primeiro monumento aos represaliados en Galicia, unha xenial escultura de Silverio Rivas. No pasado mes de xuño celebramos este aniversario cunha exposición conmemorativa e un acto público.
“O impulso na recuperación da memoria histórica en Tui é un compromiso innato de este goberno municipal”
En marzo de 2023 o Concello editaba o libro “As mulleres represaliadas no cárcere de Tui” da man de Helena Pousa en memoria das mulleres encarceradas entre 1936 e 1939 no cárcere do partido xudicial de Tui. Agora con “A exposición secuestrada 1968. Estampa Popular Galega. Tui 1968” recuperamos a memoria desta mostra clausurada pola policía franquista e que estaba exposta no restaurante “Galicia” e reivindicamos o papel daquel movemento artístico “Estampa Popular Galega” ata agora esquecido. Tamén nesta liña o Concello ten presentada a solicitude de declaración de catro “lugares de memoria histórica” na nosa cidade: O antigo cárcere, o parque da Alameda, e os cuarteis de Marina e dos Carabineros, recoñecemento á memoria dos que defenderon os valores democráticos fronte ao golpe militar de 1936.
Cómo está beneficiando o Camiño Portugués na promoción turística do municipio?
O Camiño Portugués está a desempeñar un papel fundamental na promoción turística de Tui, consolidándose como o segundo lugar de inicio elexido polos peregrinos que saen cara Santiago e provocando a desestacionalización do turismo ao longo do ano. A presenza na cidade de máis de 100.000 peregrinos anualmente, de múltiples nacionalidades, supón un elemento de dinamización da vida social e económica do noso municipio. O impacto económico tamén é significativo, cunha crecente demanda en hostalería, restauración e servizos relacionados co turismo.
“O Camiño Portugués non só impulsa a economía local senón que reforza a identidade de Tui”
Son precisamente os valores da espiritualidade, natureza, historia, patrimonio e hospitalidade os que diferencian ao Camiño Portugués, dándolle unha dimensión que supera o simple produto turístico no que algúns queren converter ao Camiño.
O mantemento dos valores que identifican ao Camiño é o noso principal reto xunto a mellorar a experiencia de acollida aos peregrinos. En definitiva, o Camiño Portugués non só impulsa a economía local, senón que reforza a identidade de Tui como un punto clave no contexto internacional do Camiño de Santiago.
Con anterioridade presentouse unha controversia co Concello da Guarda en torno á orixe do Camiño Portugués pola Costa. Estase solucionando este asunto ou, polo contrario, quedou aparcado?
A controversia entre Tui e A Guarda sobre a orixe do Camiño Portugués pola Costa permanece activa pero evolucionou a un diálogo máis construtivo. A Guarda mantén a súa aposta por promocionar a ruta costeira como unha alternativa diferenciada, destacando os atractivos paisaxísticos do seu trazado. Mentres Tui continúa consolidándose como un dos principais puntos de inicio do Camiño Portugués, respaldado polos datos da Oficina do Peregrino, que sitúan á cidade como o segundo lugar máis frecuentado de todas as rutas xacobeas despois de Sarria.
No obstante, a recente certificación polo Goberno de Portugal do Caminho Portugués da Costa que dende Porto, Viana do Castelo e Caminha continúa por Vilanova de Cerceira e Valença para entrar en Galicia por Tui ven a recoñecer o que o Concello de Tui mantivo en todo momento, que o chamado Camiño Portugués da Costa que comeza na Guarda carece de lexitimidade histórica para denominarse como “Camiño de Santiago” pois non hai documentación que acredite esta continuidade da peregrinación ao longo dos séculos.