Tui volverá a realizar unha San Silvestre solidaria contra o cancro

A tradicional carreira contará coa colaboración da Asociación Española contra o Cancro

Tui | Esta maña realizouse a primeira reunión de organización da San Silvestre Tudense 2024, proba solidaria e non competitiva que se celebrará o martes 31 de decembro, que volverá a ter un carácter solidario a favor da Asociación Española Contra o Cancro.

O concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, a presidenta do Club Atletismo Tui, Cristina Piñeiro, a responsable do Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, Pilar Barbosa, xunto a técnicos municipais, mantiveron unha reunión para por en marcha a organización da carreira.

As inscricións realizaranse no mes de decembro, a través da páxina web do Club Atletismo Tui, sendo gratuíta e solidaria, facendo un donativo voluntario a AECC.

O evento volverá contar con avituallamento, chocolatada con rosca ao remate da proba, así como uvas para brindar polo fin de ano. O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agarda que novamente esta proba deportiva, festiva a solidaria, volva contar cunha ampla participación ao igual que nas edicións anteriores.