Turismo de Galicia apoia os proxectos de Trevinca-Valdeorras

Ecoexperiencias engloba vinteuna propostas distintas para todo o ano

O Barco de Valdeorras | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, salientou esta mañá os recursos cos que conta o xeodestino Trevinca-Valdeorras para configurar unha oferta turística sostible e de calidade, con identidade propia e singular. Así o puxo de manifesto na presentación das Ecoexperiencias, unha nova proposta que aglutina 21 iniciativas sostibles na zona e que servirá de reclamo para turistas e público xeral. Xosé Merelles salientou o apoio da Xunta de Galicia á consolidación da oferta turística do xeodestino con máis de 2,8M€ investidos nos últimos anos en proxectos e iniciativas que ademais potencian o rural como activo do destino Galicia.

As Ecoexperiencias do Xeodestino Trevinca-Valdeorras é unha iniciativa promovida polo Instituto de Desenvolvemento Económico de Ourense (Inorde) no marco do convenio do xeodestino Trevinca-Valdeorras do pasado ano con Turismo de Galicia. O proxecto alíñanse coa aposta por unha oferta diferencial que Turismo de Galicia propón na súa Estratexia de Turismo 2030.

Referíndose ás Ecoexperiencias, Xosé Merelles salientou que “poñen en valor os recursos naturais, patrimoniais, culturais e enogastronómicos da comarca de Valdeorras, a través dunha serie de produtos turísticos deseñados por persoas emprendedoras do Xeodestino”. En total, creáronse 21 experiencias por 14 persoas, empresas, asociacións ou entidades. Estas últimas contan cada unha cun relato propio que, xunto coas propostas, se poden consultar no web www.ecoexperienciastrevincavaldeorras.com.

A creación de produtos deste tipo entronca coa Estratexia de Turismo 2030, que avoga pola identificación de Galicia cun destino auténtico, cunha identidade propia e singular, segundo salientou o director de Turismo de Galicia.
Neste sentido, a Estratexia inclúe varias medidas específicas centradas na ampliación da oferta para incluír propostas diferencias, que aproveiten os recursos da rexión para xerar novas iniciativas, sempre desde a sustentabilidade e o respecto pola poboación local.

“Este tipo de propostas permite tamén avanzar cara a desestacionalización do turismo, outra das liñas estratéxicas no traballo da Xunta para os próximos anos”, apuntou Xosé Merelles.

A comarca de Valdeorras conta cunha serie de activos propios, como a rica cultura vitivinícola da zona. En relación a este último aspecto, cabe destacar que é unha das 13 que contan con Plans de Sustentabilidade Turística en Destino dentro do Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia que a Xunta lanzou en 2023, cun investimento de 1,5M€. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.