Viana do Bolo | Turismo de Galicia apoiará os Entroidos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda nas xestións necesarias para seren declarados Festa de Interese Turístico Nacional. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, avanzou no acto de presentación dos carnavais, celebrado este xoves en Viana do Bolo, que en próximas datas se presentará toda a documentación precisa ante o Goberno central.
Como paso previo, os tres carnavais contan coa declaración de Festa de Interese de Turístico de Galicia. En concreto, Viana do Bolo ten este recoñecemento desde 1999, ao que se sumou Manzaneda en 2008. O máis tardío foi o de Vilariño de Conso, que logrou este título en 2016.
Os Entroidos do Oriente Ourensán comparten varios elementos característicos, como os folións ou fulións. Estas comparsas están formadas por arredor de 30 persoas, que desfilan polas rúas e parroquias tocando tambores e instrumentos de labranza. Outro clásico son os xoves de comadres e compadres, as batallas de fariña ou fariñadas e o lardeiro ou lardeira, unha figura a modo de meco.
Os personaxes centrais varían en cada Entroido. En Viana do Bolo e Vilariño de Conso o protagonista é o boteiro, que en Viana leva unha especie de tocado de cores e máscara xeralmente negra, mentres que en Vilariño viste unha pantalla e unha careta con barba e bigote. As celebracións comezan entre o día 15 e o 20 de febreiro e prolongaranse ata o día 5 de marzo.
O director de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia da festa do Entroido en Galicia e subliñou que Ourense é a rexión do Entroido por excelencia, con sete dos 11 carnavais recoñecidos como Festa de Interese Turístico dentro desta provincia. Destes, o de Xinzo de Limia acadou xa a consideración de interese internacional e outro, o de Verín, está declarado de interese nacional.
Apoio ao Entroido a través de diferentes vías
Turismo de Galicia promove a celebración do Entroido en Galicia a través de distintas vías. Ademais do apoio institucional e da difusión de información en web, elaborou unha Guía que recolle toda a programación dos 11 Entroidos de Interese Turístico da rexión para 2025.
Co apoio aos Entroidos de Viana, Vilariño e Manzaneda, Turismo de Galicia avanza na súa estratexia de desestacionalización, co obxectivo de consolidar á rexión como destino de referencia máis aló da tempada alta. Póñense ademais en valor os recursos turísticos da rexión oriental da provincia ourensá, como o turismo natural e deportivo ou o patrimonio histórico, nunha aposta pola diversificación xeográfica da oferta de destinos galegos.