Ourense | Turismo de Galicia e a Deputación De Ourense veñen de ampliar a súa colaboración para dinamizar e promover o turismo de esquí fóra de tempada nos meses de xaneiro a marzo entre o público infantil na única estación da Comunidade galega, a de Manzaneda. A Xunta é a máxima accionista desta infraestrutura de inverno e durante o acto, Xosé Merelles, director xeral de Turismo de Galicia, salientou que deste xeito se ve “fortalecida a demanda destas instalación fóra de tempada e a comezos de semana”.
A través dun acordo asinado esta mañá entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, o programa EsquiOU, dirixido a que público infantil aprenda a esquiar na estación de montaña de Manzaneda, incrementará as prazas na próxima edición, ata chegar ás 1.050 para dar resposta á altísima demanda das familias que apostan dende 2015 por este programa.
Ademais, EsquiOU incorpora este ano prazas reservadas para menores con discapacidade co fin de fomentar a inclusión a favorecer que os nenos poidan acceder ao seu dereito ao deporte e á diversión sen barreiras de ningún tipo.
As 1.050 prazas do EsquiOU están destinadas a nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Ourense. O total de prazas estará dividido en 10 quendas de 105 prazas cada unha. De estas, cinco estarán reservadas para menores con algún tipo de discapacidade. Os rapaces, ademais de estar permanentemente supervisados por monitores formados e cualificados no tratamento de nenos con algunha dificultade física ou intelectual, tamén poderán ir acompañados dun pai, nai, titor ou membro do centro educativo ao que pertenzan.
Os nenos que participen neste programa gozarán dunha estadía de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores, que inclúe aloxamento, pensión alimenticia completa, curso de esquí e as demais actividades complementarias, como poden ser tiro con arco, sendeirismo ou natación. Ademais, se as condicións meteorolóxicas non foran favorables, substituirase o programa de esquí pola oferta de actividades de montaña, como multiaventura ou rocódromo.
O prazo de inscrición deste programa estará aberto desde hoxe mesmo ata o 27 de decembro ás 14,00 horas. O prezo da estancia por participante será de 30 euros, xa que a Deputación subvenciona o resto do custe de programa. A selección dos beneficiarios farase por estrita orde de inscrición.