Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, informa sobre os excelentes datos de afluencia de visitantes no pasado ano 2024 nos diferentes espazos municipais adicados á atención turística, como son a Oficina de Turismo e a Oficina de Atención ó Peregrino, e destaca que “despois do boom turístico que se viviu no ano 2021, que provocou un repunte espectacular, nos anos 2022 a 2024, xa estabilizada a situación do turismo, as cifras do ano 2024 son as mellores dos últimos anos, sobre todo, en comparación cos anos anteriores á pandemia.”
Á vista dos datos obtidos, Monforte de Lemos constitúese coma un destino referente dentro da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo, apoiado polo incremento interanual de visitantes, o que apunta a unha tendencia, cada vez máis crecente, cara á desestacionalización.
A Oficina municipal de Turismo, alcanzou en 2024 as 19.458 persoas atendidas. Porcentualmente, foron un 5,77% máis de visitantes que en 2023 (1.063 persoas máis). Se acudimos a anos previos á pandemia, por exemplo en 2024 foron atendidas un 31,02% máis de persoas que en 2018 (+ 4.607 persoas).
A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, tamén alcanza datos históricos con 3.676 persoas atendidas en 2024, e tendo en conta que foi inaugurada polo alcalde en setembro de 2021. Prodúcese un aumento destacado no ano 2024 con respecto ó 2023, pois foron atendidas 1.556 persoas máis, un 73,39% máis.
No caso desta oficina, destacar como anécdota que contou coa visita de 3 cans peregrinos, que viñan acompañando ós seus propietarios. Todos os cans levaban a súa credencial canina para ser selada, porque así o solicitaron os seus donos, tendo o mesmo formato que a credencial dos humanos.
Nacionais e estranxeiros
As principais zonas de procedencia dos turistas nacionais son Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía, ademais de Galicia. E procedentes doutros países, Francia e Italia ocupan os primeiros postos, seguida de Alemaña, Reino Unido e Holanda.
O alcalde salienta que “os resultados turísticos de 2024 son excelentes e confirman a recuperación e a solidez do sector. Estes datos demostran que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están ben promocionados polo Concello e por iso están de moda e constitúense hoxe coma un dos principais destinos turísticos do interior de Galicia, sobe todo grazas á promoción permanente e con eventos que realiza o Concello, tanto a nivel galego como estatal”.
José Tomé tamén subliñou en que “a aposta que dende o equipo de goberno do Concello facemos polo sector turístico seguirá sendo firme e decidida, porque somos conscientes de que é un motor económico e de desenvolvemento e promoción, de presente e de futuro para o noso Concello, e proba dilo é a recente obtención de 5 Q’s de Calidade Turística, outorgadas polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), a estas dúas oficinas de información municipal, ademais da Torre da Homenaxe, o Miradoiro do Duque e o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra”. Na foto o Miradoiro do Duque, no municipio de Monforte.