Turismo familiar con 300 rapaces no Gladiator Race

Será o sábado 21 no complexo turístico de O Corgo en Muíños

Muíños | A Deputación de Ourense fomenta o turismo de familia cunha nova edición da Gladiator Race que reunirá o vindeiro sábado, 21 de setembro, ao redor de 300 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos no complexo turístico de O Corgo, en Muíños. O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez, presentaron hoxe os detalles desta nova edición.

Este evento, que se enmarca dentro das actividades que organiza a Deputación na súa aposta polo turismo deportivo na provincia, chega xa a súa sexta edición, aínda que nos últimos anos está dirixida aos máis cativos para fomentar tamén o turismo familiar a través dun dos eventos máis espectaculares que se realizan na nosa provincia ao mesturar deporte e aventura “nunha contorna paisaxística e natural sen parangón como a que ofrece o municipio de Muíños”, explicou Luis Menor.

O goberno municipal de Muíños é “un gran exemplo de como a boa política incide dunha maneira clara nos territorios creando riqueza, atraendo xente e acollendo actividades como estas que teñen un importante retorno económico”, salientou Luis Menor.

Pola súa parte, o alcalde de Muíños agradeceu ao presidente provincial o apoio da Deputación para levar a cabo este tipo de actividades “onde queremos fomentar o turismo porque o retorno é moi importante para os nosos territorios”.

Neste sentido, cabe destacar que este tipo de probas de turismo deportivo contribúen a revalorizar os recursos da provincia influíndo positivamente no desenvolvemento económico e social da provincia desde unha perspectiva sostible. Ademais, este tipo de actividades tamén nos axudan a desestacionalizar a oferta turística a través do deporte.

A proba disputarase en dúas modalidades: unha non competitiva para menores de entre 3 a 11 anos, e outra competitiva dirixida a os de 12 e 15 anos que a disputarán en formato de equipos mixtos de 5 a 7 compoñentes.