Dicía o filósofo Slavoj Žižek que en Ucraína ‘está ocorrendo algo aínda máis tolo: non unha guerra fría senón unha paz quente’. En perspectiva, estamos observando unha ‘nova orde mundial’, a reconfiguración xeopolítica a nivel global entre as principais potencias, EEUU, Rusia e China. A OTAN e a Unión Europea son meros actores secundarios que gravitan en torno a este embudo xeopolítico. E a ONU, un actor caduco sen capacidade de manobra.
“Existen razóns para considerar o potencial xeopolítico global trazado pola crise ucraína”
Existen razóns para considerar o potencial xeopolítico global trazado pola crise ucraína. Durante a súa intervención na recente Conferencia Seguridade de Múnic, o presidente ucraíno Volodímir Zelenski asegurou que o seu país é “a porta de defensa de Europa fronte á ameaza rusa”. Cabe destacar que neste mesmo foro de Múnic, en 2007, o presidente ruso Vladímir Putin deu un “golpe na mesa” esixindo unha nova arquitectura do poder global de carácter multipolar que acabe coa hexemonía estadounidense.
Eses pasos cara unha nova arquitectura global foinos dando Putin de forma calculada: en 2008 na breve guerra entre Rusia e Xeorxia, que deu paso ao recoñecemento ruso das independencias de facto de Abxasia e Osetia do Sur. En 2014 anexionando a península de Crimea, en mans ucraínas desde 1954. E agora en 2022 recoñecendo a independencia de facto das repúblicas separatistas de Donetsk y Lugansk, mellor coñecidas como o Donbás, e quen sabe se ocupando gran parte do territorio ucraíno ata o estratéxico porto de Odessa. Deste xeito, Moscova crea ‘entidades-tapón’ nas súas fronteiras ex soviéticas como ‘colchón de seguridade’ ante a previsible expansión da OTAN.
Pero o factor máis desequilibrante desta crise ucraína, e que anuncia claramente esta reconfiguración do poder global, é a sintonía estratéxica de intereses xeopolíticos entre Rusia e China. De Ucraína a Taiwán, o presidente chinés Xi Jinping e Putin trazaron liñas vermellas’ de actuación común, apuntando claramente de xeito disuasorio contra Washington.
A sintonía Xi-Putin inaugura unha nova configuración de poder euroasiática sino-rusa contraria ao ‘atlantismo’ vía OTAN manexado por Washington, cos seus aliados europeos. E non é só en Ucraína onde se xoga esta partida senón tamén en Asia Oriental, co pacto AUKUS suscrito en setembro pasado entre EEUU, Gran Bretaña e Australia. O eixe Xi-Putin xa denunciou tamén este pacto xeopolítico claramente dirixido contra China.
“A sintonía Xi-Putin inaugura unha nova configuración de poder euroasiática sino-rusa contraria ao ‘atlantismo’ vía OTAN manexado por Washington”
Con todo, a agresión militar rusa vía Donbás cara un país soberano como Ucraína deixa outro aspecto na mesa: a inoperancia da ONU como actor de resolución de conflitos e a preponderancia dos intereses xeopolíticos por riba do respecto ao Dereito Internacional. Esta alteración do equilibrio mundial xa foi inaugurado pola OTAN na guerra de Cósova (1999), continuado coa súa invasión a Libia (2011). Pero este desequilibrio principalmente foi trazado por EEUU na guerra de Iraq (2003), pasando por riba da ONU, caso contrario do ocorrido na guerra de Afganistán (2001).
Pasará factura esta guerra ucraína a Putin e Biden? Sacará proveito China desta crise principalmente trazada entre Moscova e Washington? Son interrogantes pertinentes porque definen tamén os trazos da xeopolítica global desta crise ucraína.
Putin reforzará a súa posición grazas ao espallamento do nacionalismo ruso por riba das consecuencias económicas que para Rusia terán as sancións internacionais. A crise ucraína xa está provocando o consecuente “terror bursátil” coas caídas das principais Bolsas de Valores e a suba imparable do prezo do petróleo (superior aos US$ 100). Neste último apartado, Putin sae en ganancia porque a sintonía con China lle permitirá acceder a ese gran mercado enerxético chinés. Hai que tomar en conta que a viraxe asiática de Putin cara China coa finalidade de conter as sancións occidentais xa comezou coa anexión rusa de Crimea en 2014.
Pola súa banda, Biden amosase nunha situación complicada, ao igual que Zelenski. Tralo fiasco da retirada estadounidense de Afganistán o ano pasado e o retorno Talibán ao poder, Biden amosase contrariado nesta crise ucraína, sen capacidade de levar a iniciativa, a diferenza de Putin. Un aspecto grave nun 2022 electoral en EEUU, onde se prevé o retorno dos republicanos en novembro próximo co control do Congreso. Incluso, volve a asomarse a figura do ex presidente Donald Trump, quen xa publicamente amosou o seu apoio a Putin.
Pola súa banda, Zelenski corre o risco de implosionar o seu goberno se non logra o apoio inmediato e urxente da OTAN ante a agresión militar rusa. Os sectores nacionalistas extremistas ucraínos poden agora ocupar un protagonismo maior, dando así argumentos a Putin para xustificar a súa intervención militar en Ucraína polo feito de denunciar un posible “xenocidio” contra as comunidades ruso parlantes no Donbás.
Europa vese igualmente dividida e contrariada nesta crise, a pesar da audaz iniciativa diplomática do presidente francés Emmanuel Macron con Putin e Zelenski. Isto coloca o tema da seguridade europea como unha asignatura pendente para Bruxelas pero que, no contexto actual, mais ben terminará por definir a incapacidade europea para doutarse dun marco común de seguridade, supeditado cada vez máis ao atlantismo da OTAN.
En perspectiva, en Ucraína temos as bases de configuración dunha nova ‘orde mundial’ do mundo da ‘posguerra fría inaugurado en 1991, precisamente coa desintegración da URSS. Nese momento, o presidente George W. Bush presentou a ‘nova orde mundial’ onde o liberalismo político, económico e cultural gañaba a partida co famoso ‘fin da historia’ anunciado tamén polo politólogo Francis Fukuyama.
Pero en 2022, Putin anuncia outra ‘orde mundial’ completamente diferente. Volve a xeopolítica, cos seus espúreos intereses político-militares sen os matices ideolóxicos que observamos durante a guerra fría entre EEUU e a URSS (1947-1991). Toda vez, a arquitectura global da ‘posguerra fría’ definida polo liberalismo estadounidense vese seriamente contestado e desafiado.
“Pero en 2022, Putin anuncia outra ‘orde mundial’ completamente diferente. Volve a xeopolítica, cos seus espúreos intereses político-militares”
Esa perspectiva de cambio na orde mundial tamén predomina en Beijing, onde as súas elites están avanzando calculadamente na lexitimación dos seus intereses para trazar un século XXI definido polo ‘mundo chinés’ Por tanto, pode que sí estemos ingresando, como ben dicía Žižek, no caótico mundo da ‘paz quente’.