A Coruña | O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración. Por este acordo, o Servizo de Publicacións da UDC abrirá unha liña editorial sobre o Camiño de Santiago, que inaugurará unha publicación sobre o Camiño Inglés, da autoría de Cristóbal Ramírez.
O reitor manifestou a súa satisfacción por este acordo que permitirá que profesorado e alumnado do Grao en Turismo colaboren nesta iniciativa. “Cando tomamos a decisión de integrar o título de Turismo era para traballar neste tipo de actividades de promoción e desenvolvemento do turismo nun sentido amplo”, explicou Abalde, quen recordou que o Camiño Inglés pasa polos dous campus da Universidade da Coruña.
O presidente da Asociación agradeceu a colaboración da UDC nun labor de posta en valor do Camiño Inglés “que vai ser histórico pola recuperación dun Camiño que na Idade Media era a ruta de peregrinos a Santiago máis importante”. Mirás declarou que actualmente o Camiño Inglés é o terceiro en afluencia de peregrinos, e medrando, cun perfil de camiñante de elevado nivel adquisitivo.
Ao acto de firma do convenio asistiron a directora do Servizo de Publicacións da UDC, Nieves Pena, e o director da colección sobre o Camiño, Carlos Rodríguez.