A Coruña | As profesoras da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña Antonia Pérez García e Iria Caamaño Franco realizarán un estudo demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés para identificar o perfil das persoas que peregrinan a Compostela escollendo esta ruta.
Este estudo dá continuidade ao realizado no ano 2021, actualizando os datos coa fin de facer unha análise comparativa e evolutiva de forma que estes traballos se convertan nun observatorio que recolla os principais indicadores e resultados asociados ao Camiño Inglés. As conclusións deste observatorio permitirán adaptar, definir e aplicar estratexias e accións do ámbito turístico máis eficaces.
O informe está promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Esta mañá o seu presidente, Manuel Mirás, compartiu co reitor da UDC, Julio Abalde, os detalles do acordo entre ambas as dúas institucións.
Edición de 2021
O anterior “Estudo demoscópico sobre la demanda turística del Camino Inglés. Septiembre 2021” foi realizado por Carlos Carro, Antonia Pérez, Iria Caamaño e Estefanía M. Espasandín. Esta investigación permitiu coñecer o perfil do peregrino que viaxa no mes de setembro. A maioría ten unha idade comprendida entre os 45 e 74 anos e a súa orixe é maioritariamente nacional, destacando por comunidades Madrid, Illas Baleares e Valencia. No campo internacional, destacan Portugal, Italia, Alemaña e Estados Unidos.
Os peregrinos comezan maioritariamente en Ferrol (80,5%) e dedican entre cinco ou seis días, acompañados principalmente por amizades. O gasto medio está entre os 51 e máis de 75 euros. Sobre o coñecemento do Camiño a fonte de información é polas redes sociais (38%), os consellos (31%), e o 30% sabe do Camiño por realizar previamente outras rutas. Máis información: https://bit.ly/3CXmdsl
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está integrada por 16 municipios: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.