Ponteareas | O Concello vén de iniciar a conmemoración do centenario do nacemento de Alfonso Quinteiro coa presentación do libro no que o escritor Manrique Fernández afonda na figura do artista local. No acto, que tivo lugar hoxe no salón de plenos, deuse a coñecer as demais actividades coas que se lembrará ao escultor durante todos os meses do ano.
Nesta presentación, interviñeron Nava Castro, alcaldesa, Ricardo González, edil de Ensino, Pilar Quinteiro, unha das fillas do artista así como Manrique Fernández e Antón Castro, escritor e prologuista da obra Alfonso Quinteiro, un talento na sombra, respectivamente.
Deste xeito, o seguinte evento que se celebrará na vila en homenaxe a Quinteiro terá lugar o próximo 24 de febreiro cunha visita guiada pola exposición da obra do autor. O 21 de marzo organízase un contacontos sobre o artista e os días 25 de abril e de maio, respectivamente, obradoiros de pintura e plastilina.
Na segunda metade do ano, o 28 de xuño é a quenda da exposición de escultura de Alfonso Quinteiro e o 24 de xullo do concurso de fotografía. A banda deseñada formará parte do calendario de actividades o 22 de agosto. Os nenos e as nenas participarán nun certame de redacción sobre o escultor o día 26 de setembro e o 5 de outubro celébrase unha exposición sobre a pintura do artista local. Para finalizar, o día 28 de novembro desenvolverase unha conferencia sobre o autor.
O escritor Manrique Fernández revelou datos inéditos sobre o escultor e explicou diferentes mostras da obra que forman parte da súa herdanza artística. Indicou que “se trata dun dos persoeiros máis descoñecidos da vila pero que, á vez, conta cun maior talento”. Ademais, apuntou os aspectos relevantes da súa vida que resultan fundamentais para entender a importancia de Alfonso Quinteiro.
Pola súa banda, Antón Castro cualificou ao artista local como “un xenio oculto” e puxo en valor a súa formación técnica así como a súa vocación. A familia do ilustre veciño ocupou un lugar protagonista neste primeiro evento de homenaxe. Unha das súas fillas, Pilar Quinteiro, lembrou a figura do seu pai diante do público asistente e agradeceu o labor do Concello.
O edil de Ensino, Ricardo González, detallou o calendario de actividades que se desenvolverán ao longo do ano e apuntou que “se trata de ser partícipes das cuestións máis importantes para entender o seu legado”. Salientou a importancia do labor do escultor posto que “formou parte das iniciativas relacionadas coa arte que se desenvolvían no municipio. Por exemplo, no 1949 participou na III Exposición de Arte Local e en 1956, elaborou os monumentos que homenaxean aos tamén ilustres Gabino Bugallal e o compositor Reveriano Soutullo”.
A alcaldesa, Nava Castro, rematou o acto de presentación e apuntou que “o obxectivo é lembrar a importancia da obra do noso ilustre veciño e seguir sostendo o seu legado entre todos e todas”. Ademais, ofreceu unha sorpresa ao público asistente coa reprodución do pregón ofrecido por Alfonso Quinteiro durante as festas do Corpus Christi do ano 2007.