Un 2025 con datos positivos para o turismo de Tui

A Oficina de Turismo recibe en xaneiro un 63% máis de visitantes co respecto a 2024

Tui | Tui afronta este ano 2025 cunhas perspectivas turísticas moi positivas tras o bos datos rexistrados ao longo de 2024, e o notable incremento de consultas na Oficina Municipal de Turismo no mes de xaneiro.

En concreto este punto de información turístico rexistrou en xaneiro un 63% máis de afluencia en comparación co mesmo mes de 2024. Este crecemento significativo reforza a proxección da cidade como un destino turístico en auxe, e reforza as boas expectativas do sector para este ano.

Os datos recollidos amosan un crecente interese pola oferta cultural, patrimonial, histórica e natural de Tui. Se esta tendencia positiva se mantén nos vindeiros meses, poderíase acadar unha das mellores cifras de afluencia dos últimos anos.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, sinala que “estes datos iniciais son un gran aliciente para seguir traballando na promoción de Tui como un destino de referencia”. Engade que de manterse esta liña “2025 podería converterse nun ano clave para o desenvolvemento turístico da nosa cidade”.

O atractivo natural de Tui, a súa riqueza histórica, a variada oferta gastronómica e o seu papel fundamental no Camiño de Santiago continúan posicionando a cidade como un destino de referencia para visitantes nacionais e internacionais, tal e coma sinala a concelleira de Turismo.

En xaneiro entre os turistas nacionais que máis visitaron a Oficina de Turismo destacan os procedentes de Pontevedra, Madrid, A Coruña, Ourense, Biscaia e Barcelona, mentres que Portugal lidera a listaxe de visitantes internacionais. Desde o Concello de Tui, reitérase o compromiso de seguir impulsando iniciativas que fortalezan esta senda de crecemento, mellorando a experiencia de quen escolle Tui como o seu destino turístico, cunha oferta cada vez máis atractiva e adaptada ás demandas actuais.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.