A Cañiza | Neste 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller, o Alcalde da Cañiza Luís Piña convocou á veciñanza para a lectura da Declaración Institucional da FEGAMP.
Ás 12 da mañá, acompañado de Concelleiros do Goberno e da Corporación Municipal, empregados do Concello, Policía Local, Garda Civil, traballadores dos Servizos Sociais e veciñas e veciños da Cañiza, Luis Piña procedeu á lectura desta Declaración na que se condenou a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións, trasladando o apoio e solidariedade ás familias de todas as vítimas. Novamente reafirmouse o compromiso de por fin á violencia contra as mulleres que xa é un obxectivo irrenunciable e prioritario.
O Concello continuará traballando de cheo neste eido, poñendo especial atención na importancia da formación, da concienciación e da prevención dende a infancia, tanto dende o ámbito da familia como dende o contexto escolar.
Nun día como hoxe, o Alcalde volveu a incidir na importancia que para erradicar estas condutas violentas ten a educación e a formación.
Neste contexto hoxe inauguramos dous novos «Puntos Violetas» no Centro de Saúde da Cañiza e no Centro Médico de Valeixe, para por a disposición da veciñanza o material de sensibilización e concienciación na necesidade de erradicar este tipo de violencia. Ademáis, nestes Puntos Violeta damos a coñecer os recursos á disposición da cidadanía á hora de atender ás mulleres vítimas da violencia machista.
Nesta presentación o Alcalde estivo acompañado polo persoal médico e sanitario dos Centros da Cañiza, aos que lles queremos agradecer a súa colaboración e apoio neste tipo de iniciativas. Grazas a todos. Ademáis, neste mes de novembro, o Concello está en proceso de avaliación do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres (PIOM). Nestes días estivo á disposición dos veciños o cuestionario de avaliación. Toda a información recollida está en proceso de análise por parte da empresa Andamiaxe, adxudicataria do concurso para esta Avaliación. Tras o análise deste cuestionario e segundo comunicou o Aldalde, no mes de decembro o Concello estará en disposición de presentar o III PIOM.
CIM Comarcal
O CIM é un servizo de información ás mulleres, dependente da Consellería da Muller, que proporciona con carácter permanente asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos, información e asesoramento en materia de igualdade de oportunidades aos grupos de mulleres que de forma colectiva o demanden.
Os seus principios de actuación son o anonimato, o respecto á vontade das e a gratuidade de todos os servizos que prestan.
“Vía Crucis” en Mos
O Concello de Mos levou a cabo esta tarde, en conmemoración do 25N, unha homenaxe ás 42 vítimas de violencia que perderon a vida a mans das súas parellas ou ex parellas (as últimas onte e hoxe mesmo) e ás 11 crianzas vítimas da violencia vicaria. Homenaxe organizada e coordinada desde o CIM, Centro de Información á Muller de Mos.
Tivo lugar ás 17:30h na rotonda das Angustias, parroquia de Sanguiñeda, onde 42 cruces simbolizaron a estas 42 mulleres vítimas que van no que levamos de ano, máis outras 11 símbolo das 11 vítimas de violencia vicaria. E de seguido, ás 19:00h, no Pazo de Mos, levouse a cabo o Pleno Ordinario mensual, no que se realizou outro manifesto de repulsa e acompañamento a dor das familias, consistente nunha performance a cargo da artista Alicia García, e na lectura por parte dos cativos, Martina Calviño e Adrián Veloso, alumnos do CEIP de Petelos.
No texto que procederon a ler Martina e Adrián destacaron a importancia da protección da infancia por parte das institucións, vencellada á loita contra conductas violentas e machistas. Así como a prevención da violencia en todas as súas manifestacións e a loita contra os estereotipos de xénero, e que toda a sociedade se una e non cese no empeño de continuar loitando cara á igualdade.
Previamente, no acto celebrado nas Angustias, Sanguiñeda, a Xurídica do CIM de Mos, Ana María Rodríguez Cabaleiro, fixo lectura dun manifesto, e a moza mosense estudiante do IES de Mos e membro do grupo de igualdade, así como voluntaria do punto Lila do Concello, Melani Lemos, estreou a canción da súa autoría, “Lentes Violetas”. Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu segundo tenente de alcaldesa e concelleiro de Igualdade, Leo Costas, apuntaron que “neste Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, queremos ‘crucificar’ (tal e como se expresa no deseño do cartel deste ano) a violencia machista en todas as súas manifestacións: física, económica, psicolóxica, vicaria e dixital que sofren as mulleres, e seguir traballando, en colectividade cos centros educativos, as familias, as entidades sociais, na construción dun presente e dun futuro no que ningunha muller sexa vítima de violencia, un compromiso activo de todos para por fin as actitudes que levan consigo a violencia”, declararon os representantes municipais, Arévalo e Costas.
Arévalo, rexedora local mosense, destacou neste senso que “un ano máis congregámonos neste 25N co fin último de erradicar, denunciar e loitar contra a violencia de xénero. E nesta ocasión unímonos coa idea concreta, co lema, de ‘CRUCIFICAR’ á violencia machista. Con estas cruces queremos simbolizar hoxe o sufrimento das vítimas. A súa dor silenciosa. 40 mulleres vítimas asasinadas este ano. E 11 menores mortos a mans da violencia vicaria. Unhas cifras que non podemos ocultar nin silenciar. Xa que o noso silencio non as protexerá, pero a nosa repulsa, a nosa denuncia o noso berro de “basta xa”… de “nin unha menos” sí pode salvalas. Por iso facemos un chamamento para que se denuncien: todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores”.
Por iso esta tarde en Mos reafirmouse o compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario. Para transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade, loitar contra os discursos e accións negacionistas, seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención e máis coordinación entre as administracións, para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades. A alcaldesa concluiu a súa intervención insistindo en que “só co compromiso activo de todos e todas poderemos erradicar esta grave problemática que desde 2003 se cobrou a vida en España de máis de 1.279 mujeres. Case 1.300 mulleres que foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. Unha cifra escalofriante que hoxe visibilizamos para poder revertila, para darlle un xiro de 180 graos que só poderá ser posible co esforzo conxunto por unha sociedade máis xusta, libre de violencia e verdadeiramente igualitaria”.
Manifesto e mural conmemorativo en Ponteareas
Ponteareas chamou á acción contra a violencia machista a través da lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Dende a praza Maior a marcha pola igualdade chegou á Casa do Concello para recordar que a violencia machista é a representación máis extrema da desigualdade que existe entre homes e mulleres de toda a sociedade en conxunto.
“Dende o Concello de Ponteareas, manifestamos a nosa tolerancia cero ante calquera forma de violencia contra as mulleres. Non é aceptable, baixo ningunha circunstancia, a violencia de xénero. A violencia cara as mulleres é unha violación dos dereitos humanos e unha barreira inaceptable para acadar a igualdade, a xustiza e a paz na nosa comunidade. Reafirmamos o noso rexeitamento total a calquera acto que atente contra a dignidade, a liberdade e a vida, e asumimos a nosa responsabilidade de combatelo de xeito decidido e continuado”, manifestou a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana.
A través do manifesto, ao que deu lectura Toñi Yanes asesora xurídica do CIM, o Concello de Ponteareas pedíu a erradicación da violencia contra as mulleres e convidou a toda a sociedade a denunciar e a traballar pola igualdade. “É habitual escoitarmos falar da cifra dos feminicidios, pero esta é a última consecuencia dunha innumerable lista de violencias que, por non remataren en asasinatos ou non denunciárense, permanecen invisibles, silenciadas e mesmo normalizadas”. Precisamente para loitar en contra da normalización de mensaxes machistas a concellería de Benestar Social difundíu nas redes sociais “mensaxes tipo” que adoitan chegar áos teléfonos móbiles das mozas e que son indicios de actitudes que atentan contras as mulleres. Ademais, a concellería de Benestar Social difundíu nas vintecatro parroquias cartelería que ofrece acceso a un código QR no que atopar información de apoio ás mulleres maltratadas e documentos que promoven a concienciación.
No manifesto aludían á violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia, asunto no que traballa o Concello de Ponteareas dende os Programas Integrados de Emprego no que dan prioridade ás mulleres para formarse e facilitar o acceso ao mercado laboral coa realización de prácticas en empresas locais.
“Debemos tamén prestar especial atención ás mulleres do ámbito rural onde a violencia machista está máis silenciada e invisibilizada, ás mulleres con algunha discapacidade, as mulleres maiores e outros colectivos de mulleres en situación de maior vulnerabilidade”, leu Raquel Plana.
Para estar máis preto os 365 días do ano este ano a Concellería de Benestar Social lanzará un punto violeta virtual no que a través dun código QR específico poderá accederse a teléfonos e información de apoio ás mulleres que son vítimas de violencia de xénero.
Toda a corporación municipal de Ponteareas comprometeuse a buscar e conseguir recursos para continuar a loita contra a violencia de xénero dende a prevención ata o acompañamento e insistindo na sensibilización e a condena de esta lacra social. No mural colaborativo autoridades políticas e a cidadanía participante deixou a súa mensaxe de apoio e suxestións.