Cans/O Porriño | O Festival de Cans bate un ano máis o seu récord de curtas inscritas, pois recibiu na súa convocatoria para as seccións oficiais a concurso un total de 235 producións galegas, o que supón case un 10% de incremento con respecto á edición anterior, na que chegaran 215 traballos. Divididas por categorías recibíronse un total de 147 curtametraxes de ficción e non ficción, 15 de animación e 73 videoclips.
Estes datos convidan ao optimismo sobre o ritmo de produción das creadoras e creadores galegos, acadando un paso adiante cuantitativo e tamén cualitativo nas pezas recibidas edición tras edición. A organización móstrase sorprendida de que un ano máis, a pesar de ser un certame onde só se admiten curtametraxes de directoras e directores galegos, continúen subindo as cifras de obras presentadas.
Con respecto ao apartado de curtametraxes de ficción, segue rexistrándose un gran volume de traballos de creadores e creadoras galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional fóra de Galicia. Así o constatan as produción recibidas dende lugares como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia e tamén desde diversos países do mundo entre os que se atopan Inglaterra, Estados Unidos, Portugal, Italia, Francia, Bélxica, Finlandia, Brasil ou Arxentina. O tipo de xéneros ao que pertencen as curtametraxes inscritas nunca foi tan variado: abrangue dende a comedia ata o drama, pasando polo biopic histórico, o thriller ou o musical.
Obsérvase tamén como dato moi positivo a recepción dun número considerable de curtametraxes de animación que garante a constitución desta categoría nesta edición do festival, e que estará caracterizada por unha calidade excepcional.
No tocante aos videoclips, foron 73 as pezas recibidas ubicadas nun amplo abano de estilos musicais entre os que se atopan o pop, o rock, o folk, o hip-hop, a electrónica, o ska ou incluso o metal, símbolo da boa saúde e variedade de bandas e estilos musicais que existen en Galicia.
Dá comezo agora para a organización un exhaustivo e laborioso proceso de visionado e selección, que se prolongará durante varias semanas e a través do cal se elixirán as obras finalistas en cada categoría.