Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou onte o seu calendario galego no que renderá durante todo o ano 2025 homenaxe aos seus e as súas deportistas.
Unha tirada de cinco mil exemplares que recorda algunhas das múltiples disciplinas que se poden adestrar nas escolas e clubs ponteareáns. Abren o calendario galego Melania Rodríguez, campioa do mundo de Dobreminitramp, Alice Finot, medallista olímpica e Xes Argüelles, subcampión de Europa de tiro con arco, tamén Damián Rodríguez do RC Celta de Vigo e Sara Debén Mota, do Deportivo ABANCA, para dar paso á benvida da alcaldesa que se dirixe á cidadanía para desexarlles saúde, prosperidade e benestar a todas as veciñas e veciños e para salientar que seguindo o exemplo das e dos nosos deportistas Ponteares deixa atrás un ano de superación de retos e de avances.
“Este calendario vai por todas elas e eles, polo talento dos nosos deportistas que herdaron o espírito de superación dos e das nosas atletas, ciclistas e taekwondistas doutras épocas e que xa no século pasado foron quen de plantar unha importante semente que se prolonga ata os nosos días”, sinalou a alcaldesa Nava Castro.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, abríu un acto celebrado no Reveriano Soutullo no que participaron tanto a Corporación, como deportistas e veciñas e veciños. “Estamos orgullosos de todas e de todos vós, sodes un exemplo e un dos motivos polos que traballamos, levades o nome de Ponteareas e atraedes persoas de diferentes lugares do mundo a cada competición que celebrades na nosa vila”, adiantou González Carrera ao tempo que daba as grazas ás concellerías de Deportes, Lingua e Cultura e aos seus traballadores polo traballo realizado e adiantaba o seu firme apoio ao deporte base.
O ciclismo, o bádminton, o billar e o xadrez, o fútbol, a natación, o taekwondo, o baloncesto, a patinaxe artística, o hóckey, o tenis, o deporte de motor, a hípica e o atletismo representan no 2025 algunhas das modalidades deportivas nas que se poden formar as nenas e nenos e adestrar a cidadanía nos 45 clubs e escolas deportivas locais.
O goberno de Ponteareas duplicou a partida destinada ao apoio dos clubs locais, pasando dos 75.000€ aos 200.000€, un compromiso que repetirá no ano 2025 ademais da creación de novas infraestruturas deportivas, do cambio das cabeceiras da piscina municipal, de importantes melloras no pavillón, da reubicación do campo de volleyball, da execución da obra do campo de San Mateo e da instalación de pechaduras eléctricas nalgunhas instalacións deportivas, entre outras accións de mantemento e renovación, ademais de seguir fomentando hábitos de vida saudable. Nesto senso, no 2025 tamén se creará a senda peonil na estrada de Ponteareas a Fontenla.