O Pereiro de Aguiar | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de O Pereiro de Aguiar, Luís Menor, e do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na inauguración do proxecto “Un camiño imaxinado”, que contou co apoio da Xunta no marco do programa O Teu Xacobeo cunha achega de preto de 11.000 euros. Gabriel Alén sinalou que con proxectos como este, trátase de por en valor “a idea dunha Galicia e un Xacobeo integradores e abertos a todos e cada un de nós; unha terra e un destino hospitalarios e solidarios, como somos nos; como é Galicia”.
“Trátase dunha recreación das distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela e que serve de divulgación e promoción do Camiño de Santiago neste municipio”
O delegado territorial subliñou tamén que “a través de proxectos como este podemos desfrutar dun Ano Xacobeo, que debido ás circunstancias actuais, prolongarase ata o ano 2022, nun contexto único que nos permitirá seguir facendo de Galicia ese destino especial e aberto ao mundo”. Trátase dunha recreación das distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela e que serve de divulgación e promoción do Camiño de Santiago neste municipio, dentro unha contorna natural privilexiada e porta de entrada cara a Ribeira Sacra e as serras orientais de Galicia.
O Camiño imaxinado expón, nun percorrido deseñado a unha escala circular de catro quilómetros nun espazo de recreo de uso diario, o patrimonio natural e cultural presente nas diferentes etapas da Vía da Prata en dous orixinais formatos.
Por unha parte, empregouse a cuncha da vieira como símbolo máis representativo do Camiño de Santiago de gran tamaño para sinalizar a ruta no inicio desta e, por outra, distribuíronse nove paneis informativos ao longo do traxecto. Nestes espazos, realizados sobre lona impresa, persoas de recoñecida traxectoria intelectual presentaron esta ruta nunha linguaxe atractiva para ilustrar os recursos presentes no percorrido.
As etapas que contempla O Camiño imaxinado, atendendo tamén ás variantes que presenta esta ruta, son: A Pobra de Sanabria-Lubián (en Zamora), Lubián-A Gudiña, A Gudiña-Laza, Laza-Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Ambía-Ourense, Ourense-San Cristovo de Cea, San Cristovo de Cea-Dozón, Dozón-Bandeira e Bandeira-Santiago de Compostela.
O Teu Xacobeo
Na súa segunda fase, o programa O Teu Xacobeo pretende dinamizar os concellos que forma parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos concellos polos que pasa o Camiño.
Deste xeito, apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo da Ruta Xacobea.
“Apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo da Ruta Xacobea”
A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros. Trala resolución da concesión, os beneficiarios veñen de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, trala concesión dun adiamento por mor da covid-19 co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.
Esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros. O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso descentralizador e plural que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego.