O Pereiro de Aguiar | O Concello de Pereiro de Aguiar inaugurou “Un camiño imaxinado”, a segunda parte da exposición inaugurada no mesmo emprazamento en maio, co obxectivo de promover e divulgar dun modo diferente o Camiño de Santiago. A exposición manterase durante tres meses. ata finalizar o ano Xacobeo 2021.
Alumnos dos centros educativos do concello recrearon a súa perspectiva do Camiño de Santiago na variante que atravesa a provincia de Ourense, Vía da Prata-Camiño Sueste- Roteiro Mozárabe desde Poboa de Sanabria ata a capital galega.
Trátase dun percorrido de catro quilómetros polo carreiro ao redor do encoro de Cachamuíña onde unha cuncha de vieira sinaliza o inicio do roteiro ao longo da cal se distribúen unha decena de paneis informativos que, na primeira exposición, estaba deseñada por historiadores, arqueólogos e ambientólogos para dar a coñecer o percorrido de forma “próxima, atractiva e amena” e agora conta coa visión dos estudantes para cumprir o mesmo obxectivo.
Luís Menor Pérez, o alcalde, explicou que “para aquelas persoas que pola súa condición física non teñen a oportunidade de realizar o Camiño de Santiago teñen a posibilidade de realizalo, modestamente, a través desta exposición en Cachamuíña”. As etapas do camiño imaxinado son Poboa de Sanabria-Lubián; Lubián-A Gudiña; A Gudiña-Laza; Laza-Xunqueira de Ambía; Xunqueira de Ambía-Ourense; Ourense-San Cristovo de Cea; San Cristovo de Cea- Dozón; Dozón-Bandeira e Bandeira-Santiago de Compostela.