Ponteareas/EU | Lino Costas, concelleiro de EU-son en Ponteareas, rexistrou esta semana unha moción para o seu debate en Pleno Municipal que, de aprobarse, permitirá ao Concello tomar unha serie de medidas e accións destinadas á erradicación da trata de persoas, na súa maioría mulleres e nenas.
ESQUERDA UNIDA mantén que a prostitución é unha forma de explotación que debe ser abolida e non unha profesión que hai que regulamentar xa que é unha forma de violencia de xénero extrema: o que as mulleres prostituídas e homes teñen que soportar equivale ao que noutros contextos correspondería á definición aceptada de abuso sexual e violación reiterada. O feito de que se pague unha cantidade económica pode transformar ese abuso nun «emprego», ao que se lle quere dar o nome de “traballo sexual”.
Nunha sociedade que regula a prostitución estamos socializando a nenos e nenas en valores claramente diferenciados: aos nenos, en que eles como homes, van poder mercar, pagar por usar, o corpo, a atención, o tempo… das mulleres. E ás nenas, en que elas como mulleres, poden estar ao servizo dos homes. Quizais non elas persoalmente ou directamente, pero si as mulleres, moitas mulleres. Se se regula a prostitución, educar na igualdade nas nosas cidades vai ser imposible.
Por iso ESQUERDA UNIDA comparte e defende claramente a ambiciosa postura do movemento abolicionista que busca ir á raíz dun problema que afecta os dereitos humanos. Dereitos que en tanto que esenciais están fóra de discusión: os de toda persoa a non ser abusada nin utilizada sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio de ningunha compensación económica. Por iso é polo que o foco debamos dirixilo ás persoas que demandan, a clientela, os prostituidores. Porque sen demanda, a oferta desaparece.
De aprobarse a moción de ESQUERDA UNIDA, o Concello de Ponteareas será adherido á rede de municipios libres de trata de mulleres destinadas á prostitución, ademáis de facer campañas de sensibilización e esixir a penalización dos clientes e proxenetas entre outras intervencións relacionadas.