O plaxio, e concretamente o plaxio académico, foi gañando presenza co transcender dos anos ata converterse na actualidade nunha problemática de relevancia que demanda da atención dos investigadores/as para o seu tratamento en busca de solucións verídicas e factibles.
Estudos levados a cabo por Tortosa, Álvarez e Pellín (2015) poñen de manifesto que o incremento de dito plaxio académico responde de xeito especial ás amplas posibilidades que ofertan as novas tecnoloxías da información, sendo máis notorio aínda dito incremento no nivel de Educación Superior (Caro, Romero e Bello, 2018).
Dende o Sistema Universitario Galego (SUG) existe conciencia da problemática e estase a traballar no estudo e procura de solucións fronte á mesma. É así, como os grupos de investigación GIACE (Universidade da Coruña), IDEA (Universidade de Santiago de Compostela) e GIA (Universidade de Vigo) uniron os seus esforzos para levar a cabo unha investigación que se materializa no Informe técnico sobre o plaxio académico no SUG.
A investigación en cuestión pretendía identificar e analizar as causas ás que o alumnado universitario de grao e mestrado do SUG adxudica para a comisión de plaxio na confección dos seus traballos académicos, tal e como pon de manifesto Muñoz-Cantero (2019).
A mostra do estudo estaba constituída por 8.943 estudantes cunha idade media de 21 anos. O instrumento empregado para a recollida de información no estudo foi o Cuestionario para a Detección de Coincidencias en Traballos Académicos (CUDECO) que abordaba cinco dimensións clave no tratamento da temática: utilidade (valoraba a utilidade que outorga o alumnado a citar), carreira (estimaba se o alumnado realizou accións de plaxio ao longo da carreira), causas (indagaba sobre as causas que invitan á execución de accións de plaxio), profesorado (analizaba as accións executadas polo profesorado que evitan a comisión de plaxio por parte dos/das discentes), e compañeiros (estudaba a percepción do alumnado universitario sobre a realización de prácticas deshonestas por parte dos seus compañeiros/as). Dito cuestionario foi de aplicación presencial e abrangueu os meses de abril e maio do ano 2019.
No que aos resultados do estudo respecta, estes segundo Muñoz-Cantero (2019) poñen de manifesto a existencia dunha tendencia común na percepción do alumnado das tres universidades galegas no referente ao plaxio. Concretamente, no que respecta ás actuacións levadas a cabo polo profesorado para evitar a comisión de plaxio, os resultados indican que os e as docentes universitarios ofrecen aos/ás discentes directrices previas para a realización dos traballos que lle encomendan, levan a cabo un seguimento dos mesmos mediante unha atención individualizada na propia aula ou en titorías en relación á citación das fontes empregadas e ao proceso de escritura académica, ademais de fomentar a motivación e valorar positivamente a citación correcta nas avaliacións. En contraposición, o alumnado percibe como condicións desfavorables vinculadas coa comisión de plaxio por parte do profesorado a ausencia de coordinación entre os/as docentes e o exceso de carga de traballo, aspectos que se perciben como necesidades de mellora.
É certo que, todo o alumnado universitario galego participante no estudo considera útil e valora de xeito positivo o proceso de citación, ao considerar que este serve para recoñecer o mérito dos autores/as orixinais e para posibilitar o acceso ás fontes primarias servindo, do mesmo modo, para reforzar os seus propios argumentos. Sen embargo, o alumnado asume que ao longo dos seus estudos copiou fragmentos de textos e incorporounos nos seus traballos sen citar. Así mesmo, os/as discentes universitarios galegos admiten que o seu grupo de iguais ten copiado partes de traballos de cursos anteriores para entregar un traballo novo ou copiaron fragmentos de textos de páxinas web incorporándoos con ausencia de citación á súa propia tarefa.
O alumnado xustifica a realización de accións de plaxio na ausencia de tempo e a sobrecarga de traballo, é dicir, factores externos non controlables, non percibindo como causas para a comisión de plaxio o descoñecemento de normativa na universidade que o penalice ou a gravidade das sancións.
Polo tanto, o Informe técnico sobre o plaxio académico no SUG supón unha avance importante que permite despexar interrogantes clave no que á praxe do plaxio no SUG se refire, corroborándose isto na continuidade que presenta a investigación que na actualidade se retomou coa pretensión de ampliar os resultados obtidos nesta primeira aplicación dotando de maior relevancia á metodoloxía cualitativa, fronte á predominancia do cuantitativo que sobresaía nesta primeira parte da investigación.
En definitiva, o plaxio académico é unha temática que non debe pasar desapercibida debido á transcendencia que conforma no deslustre da calidade educativa e na súa tendencia á alza fronte ao avance das novas tecnoloxías na contemporaneidade, reclamando de maiores esforzos no seu tratamento que posibiliten un achegamento á erradicación de dita praxe académica deshonesta.