Ourense | Presentaronse dous dos documentais producidos ao abeiro do Fondo de Proxectos culturais Xacobeo 2021-2022, un sobre a figura de Vicente Risco e outro sobre o traxe galego. Esta convocatoria do Fondo Xacobeo permitiu, nestes dous últimos anos, “incrementar de maneira notable a produción de documentais en lingua galega sobre temas variados. Trátase de materiais de acceso gratuíto para os espectadores que poden empregarse para o ocio ou a formación das persoas interesadas”, dixo o secretario xeral de Política Lingüística.
Na primeira das presentacións, sobre o proxecto audiovisual Persoas que alicerzaron a nosa cultura: Vicente Risco, de Tecnología Gallega y Comunicación SL, interviron tamén Luis Martínez-Risco, da Fundación Vicente Risco, e Luis Baños Campo, da produtora VisualQ. Este proxecto audiovisual, que contou co asesoramento da Fundación Vicente Risco, consiste nunha serie de seis vídeos de curta duración sobre unha das persoas que fundaron a nosa lingua e cultura modernas.
Todos eles conforman unha peza completa que versa sobre as distintas facetas de Risco: artista, divulgador, etnógrafo, mestre, místico, literato, xornalista, pensador e teórico político. Con este material preténdese dar unha visión renovada e rigorosa no contido e na forma da súa figura, para chegar a un público amplo, e, sobre todo, para que sirva de ferramenta pedagóxica.
Confección tradicional
Tamén se presentou a iniciativa Técnicas de confección do traxe galego, de José Antonio Viñas Mira. Este documental ten o obxectivo de divulgar as técnicas empregadas para a confección tradicional en Galicia.
Xunto ao secretario xeral interviñeron Carlos Pérez, integrante de Queixumes dos Pinos; Antero Rodríguez, xastre do documental, e oito pandeireteiras da agrupación de Queixumes dos Pinos que encheron o encontro de música. Ademais, tres modelos fixeron un pase coas vestimentas tradicionais que foron confeccionadas durante a gravación do documental.
No audiovisual, Antero explica a patronaxe, o corte e a confección das pezas que compoñen o traxe de home e de muller en catro territorios. Despois, elabóranse os complementos característicos de Santiago, da Maía, das Mariñas, da Terra Chá, de Ourense e de Pazo de Arenteiro.
Tamén se analizan obras de pintores e de escritores que recollen a vestimenta tradicional (Fierros, Murguía, Carlos Sobrino, Suárez Castro, Román Navarro e Castelao). Ademais, faise unha análise da lingua dos xastres, da roupa e dos complementos.
O documental remata cunha peza de baile na que se mostran os dous traxes de gala confeccionados, que se custodian no Museo Queixumes dos Pinos. Ambos os proxectos poden ser consultados no Portal da Lingua Galega.